O Castelo do Sobroso vestíuse de voda

A deseñadora Patricia Avendaño e o estilista Óscar Novo presentaron as súas propostas para este ano

O acto contou con dúas actuacións estelares de Rosa Cedrón e de Nova Danza Galega

O Castelo de Sobroso acolleu o desfile de traxes de noiva da deseñadora galega Patricia Avendaño para esta tempada 2020 acompañada das propostas do estilista Óscar Novo, encargado do deseño deste novidoso evento que combinou moda, música e danza.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas e o Alcalde de Mondariz, Emilio Barros, entre outras autoridades presentes apoiaron esta iniciativa na que participaron como público comerciantes do sector das vodas e celebracións, deseñadores de moda, blogguers, fotógrafos, empresarios do mundo da flor e veciñanza en xeral.

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, destacou a importancia do Castelo do Sobroso e o grande esforzo que ten feito a Deputación na recuparación deste máxico espazo que na actualidade é testumuña dunha importante actividade turística, cultural e social.

A cita foi conducida por Diana Nogueira e contou con dúas actuacións estelares a cargo da vocalista Rosa Cedrón, imaxe de marca de Óscar Novo, e a compañía Nova Galega de Danza.

O desfile foi unha mostra máis do xeito en que tradición e vangarda conflúen no traballo que vén desenvolvendo a Deputación de Pontevedra estes últimos anos, co obxectivo de crear novas experiencias e novos atractivos para a captación de visitantes do destino #PontevedraProvincia.