O castelo de Sobroso ofrecerá visitas teatralizadas e vistas dende a cuberta

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, acompañados polo deputado de Turismo, Santos Héctor e integrantes do goberno municipal, visitaron esta mañá os últimos traballos realizados pola institución provincial para acondicionar, conservar e manter a edificación do castelo de Sobroso e nos que investiu 314.000 euros.

Carmela Silva informou que se realizou unha intervención integral para recuperar a capela do Castelo e mellorar a cuberta das carpinterías. Xunto a estas cuestións, tamén se realizaron acondicionamentos básicos na electricidade, sinalización e iluminación, prevención de incendios e seguridade así como limpeza, execución de dous portalóns de acceso, reparacións de tarima e de escaleiras, e instalación de ventilación e calefacción. “Todas estas actuacións foron rematadas xusto antes de Semana Santa, para que as e os turistas e a cidadanía puidese desfrutar do castelo totalmente renovado. Soamente quedaba pendente a renovación da sala “Alejo Carrera” que estreamos esta semana e na que, desde hoxe, se poderán facer todo tipo de eventos e accións”, informou a presidenta.

Amais de presentar as actuacións acometidas, Carmela Silva anunciou dúas iniciativas que se van poñer en marcha de xeito inmediato e que van a contribuír a converter ao castelo de Sobroso nun gran foco de atracción de visitantes. A primeira das iniciativas ten moito que ver con Ponteareas xa que se trata da creación dun “Xardín do Corpus, no que se van cultivar especies florais e arbustos propios da festa de interese turístico internacional que se celebrará o vindeiro 3 de xuño. Neste eido, Silva, que tamén visitou as tarefas que están a realizar as veciñas de Ponteareas de recollida e tratamento de flores e vexetais para as alfombras florais, puxo en valor que “sen as mulleres non habería Corpus”.

Xunto ao “Xardín do Corpus”, outra das iniciativas que a Deputación de Pontevedra vai poñer en marcha en Sobroso é a organización de visitas teatralizadas. Máis polo miúdo, a presidenta provincial destacou que “este ano a nosa campaña de promoción turística está centrada en “Somos historias” e queremos que o mes de xuño as historias relacionadas co patrimonio inmaterial, coas festas como o Corpus e as lendas arredor do Castelo como embaixadoras, teñan un peso específico”.  Deste xeito, Carmela Silva anunciou para o mes de xuño a realización de visitas teatralizadas en Sobroso onde se vai visibilizar “o papel dunha muller de grande importancia histórica como foi Dona Urraca”.

A presidenta subliñou que “queremos deixar este castelo perfecto” e por iso a institución provincial vai facer fincapé na mellora da seguridade de acceso ao recinto. Amais, e tras máis de sete meses esperando, Silva informou que “esta mesma semana recibimos a autorización de Patrimonio para a tala de eucaliptos así que axiña actuaremos nun terreo de 18 hectáreas, eliminando esta especie foránea para plantar árbores autóctonas como sobreiras, castiñeiros e carballos, que mellorarán este bosque atlántico no que imos crear zonas de esparexemento e adecuar o espazo para poder organizar actividades”.

Outra das iniciativas que acometerá a Deputación nos vindeiros meses é a posta en marcha da ordenanza reguladora de usos para o Castelo de Sobroso, que vai permitir regular a realización de actividades e impulsar un uso sustentable e axeitado do recinto.

Ata o momento, tal e como informou Carmela Silva, a institución provincial investiu xa máis de 525.000 euros a través dos cales se acondicionou a edificación do castelo de Sobroso; se naturalizou o exterior do recinto e se puxo en marcha a “Senda do Bosque Atlántico”, que se pode percorrer coa axuda de audioguías con contidos en galego, castelán e inglés e de dez paneis informativos con códigos QR. “Todas estas actuacións, segundo detallou a presidenta provincial, enmárcanse no Plan de Usos e Viabilidade do castelo de Sobroso, presentado en setembro de 2016, a través do cal estamos a situar a este espazo cultural e natural nun gran centro de atracción turística”.

O alcalde Xosé Represas agradeceu a colaboración da Deputación que “leva anos recuperando a plenitude do castelo e, con elo, a nosa historia, a da comarca e a de Galicia, para que a veciñanza a descubra e desfrute deste grande recurso turístico que é Sobroso”.