O Campus Tea fai unha xincana fotográfica na vila e visita o muíño de Cepelo en Guláns

Setenta cativos e cativas de entre 3 e 12 anos participan nestes días na segunda quenda do campamento Campus Tea e Verán Rural 2020 organizado pola Concellería de Ensino de Ponteareas.

Na actual situación sanitaria debido a COVID-19, estanse a tomar todas as medidas preventivas, sanitarias e hixiénicas precisas, así como a división en grupos reducidos e pechados a fin de preservar a saúde das persoas usuarias, pero mantendo o espírito das actividades como noutros anos e sobre todo poder dar un servizo que permita ás familias a conciliación laboral.

Deste xeito os participantes nesta sexta edición do Campus Tea do Concello de Ponteareas teñen a oportunidade de aprender xogando e de descubrir os espazos públicos da cidade, ademais de mesturarse coa natureza nas saídas didácticas que realizan.

As nenas e nenos do Campus Tea percorreron o centro da vila facendo unha xincana fotográfica, que resultou unha actividade novidosa e moi divertida, onde recoñecían e fotografaban os espazos públicos que lles eran indicados previamente.

No caso das nenas e dos nenos do Verán Rural saíron da Casa Cultural A Avisoureira a fin de visitar o muíño de Cepelo na parroquia de Guláns, onde tiveron a oportunidade de coñecer a súa historia e a utilidade que proporcionaba á veciñanza noutros tempos onde se usaba a diario.

Xogos predeportivos, música, visitas a espazos públicos, obradoiros nos que se trasmiten valores, visitas á estación de bombeiros ou a policía, obradoiros nos que aprenden a crear coas mans… e un sinfín de actividades didácticas que se desenvolven en horario de mañá de nove a dúas da tarde, extenderase tamén durante o mes de agosto.