O Campus-Tea 2016 contou cun 55% máis de prazas que no ano anterior

Cristina Fernández valora a implicación de todas as persoas e entidades comerciais que facilitaron a participación dos nenos e nenas nas saídas didácticas realizadas

O día 31 conclúe a segunda edición do campamento urbano “Campus-Tea” que se desenvolveu durante os meses de xullo e agosto. Neste verán ofertáronse un total de 310  prazas nas catro quendas quincenais. “Logramos incrementar nun 55 % o número total de prazas do campamento, coa finalidade de dar o máximo apoio ás familias e así poder conciliar a vida laboral e familiar, tan necesaria na actualidade”, manifestou a concelleira de Ensino, Cristina Fernández quen engadiu que “o balance do campamento é moi positivo, todos os nenos e nenas de Ponteareas disfrutaron cando menos dunha quenda de quince días”

A última quenda, do 16 ao 31 de agosto, xira sobre “O País dos Sentidos”, unha temática na que os cativos e cativas están volcados en xogos e experiencias sensoriais cos cinco sentidos. Celebran a Gran Festa da Auga, visitan o Parque de Bombeiros, e mesmo realizarán un xogo de exterior: “A procura do tesouro das Illas Cíes”. Rematando cunha charla sobre hixiene bucal e o día 31 coa Festa de Despedida.

O pasado mércores, o Campus-Tea fixo unha saída para coñecer a oferta alimentaria da Praza de Abastos de Ponteareas. Os cativos tiveron a oportunidade de entrevistar aos praceiros e mostrar as habilidades adquiridas nestes días sobre a linguaxe de signos.

Tamén aproveitaron para visitar algúns establecementos con produtos ecolóxicos e facer unha degustación dalgún deles.

Foto Campus