O camión de bombeiros procedente de Vigo xa está no Parque de Ponteareas

Vanesa Fernández, concelleira de Seguridade Cidadá, acompañou a un dos membros do corpo municipal de bombeiros para recoller un vehículo con 4.000 litros de capacidade hidráulica

recollida-camión-bombeiros-1Ponteareas xa dispón dun novo camión de bombeiros. Trátase dun vehículo que ten un motor con 190 cabalos de potencia e un depósito cunha capacidade para transportar 4.000 litros de auga.

Esta adquisición, que podería “estar no Parque Municipal de Bombeiros dende o pasado mes de xaneiro e que o anterior goberno municipal non recolleu porque estableceu como prioridade os intereses partidistas por encima dos veciñais”, tal e como apunta Vanesa Fernández, permitirá “retirar do funcionamento habitual un dos camións que xa tiña máis de 30 anos de antigüidade e que era o único vehículo do parque que dispuña dunha capacidade de 4.000 litros de auga”.

Fernández lembrou que o anterior alcalde, Salvador González Solla, “é responsable directo de que os veciños e as veciñas de Ponteareas e outros concellos da comarca non puideran contar cun vehículo necesario na época de verán, que é na que se rexistran máis incendios”.

Trátase dun camión cedido polo Concello de Vigo, con 20 anos de antigüidade  e que, como xa manifestaran a propia concelleira de Seguridade Cidadá e o rexedor ponteareán, Xosé Represas, “atópase en perfecto estado”.