O primeiro camiño escolar seguro de Ponteareas avanza a bo ritmo

O CEIP Ramiro Sabell e outros centros da súa contorna pasarán a gozar dun espazo amábel para as persoas con estre proxecto financiado polo ReacPon e o Plan Concellos da Deputación de Pontevedra

Ponteareas inviste case un millón de euros no seu primeiro camiño escolar seguro

A colaboración entre Concello de Ponteareas e Deputación de Pontevedra permitirá facer realidade o primeiro camiño escolar seguro na contorna do CEIP Ramiro Sabell, dando así resposta á petición formulada por toda a comunidade educativa. A transformación deste espazo, que na actualidade se atopa degradado, suporá un investimento de máis de 963.000 euros financiados a través do plan proxecto ReacPon e do Plan Concellos da Deputación. Ata a zona desprazáronse a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, e o deputado provincial Carlos Font, así como membros do goberno municipal, que destacaron a importancia da recuperación do espazo público nun ámbito tan sensíbel.

“Este proxectos fainos moita ilusión porque levamos moitos anos traballando nel e comeza a ser unha realidade. Con el máis de 1500 rapazas e rapaces exercerán o seu dereito a moverse con liberdade e autonomía e xeraremos un hábitat saudábel, inclusivo, amábel e seguro”, salientou a rexedora.

Entre as actuacións que se están a realizar destaca a creación de tres plataformas únicas, é dicir espazos a un único nivel, con prioridade peonil e tráfico rodado limitado. Unha delas situarase na EP-4001 entre a avenida de Galicia e a rúa das Camelias, que creará un novo espazo peonil para dar pulo ao comercio local. A segunda das plataformas acometerase na mesma estrada provincial entre a rúa das Camelias e a rúa dos Nardos, e converterase nunha prolongación da anterior que, ademais, integrará o parque Ferro Ucha. A terceira das plataformas levarase a cabo entre a rúa Nardos e Feliciano Barrera, que dá acceso aos IES Val do Tea e Pedra de Auga.

Peonalización das rúas do Forno e dos Nardos

Con este proxecto tamén se levará a cabo a peonalización completa da rúa Forno Telleiro e rúa dos Nardos. E entre esta última e o CEIP Ramiro Sabell procederase á reforma da sección viaria para mellorar a seguridade, crearase unha beirarrúa de 4,50 metros de ancho cun único carril de circulación e un aparcadoiro nunha das marxes. As actuacións neste tramo completaranse coa plantación de case 200 árbores. Ademais, na rúa de acceso ao CEIP Ramiro Sabell modificarase a sección para dotar de maior seguridade viaria ao acceso ao centro.

O itinerario beneficiará a máis de 1.500 escolares -amais de persoal- do CEIP Ramiro Sabell e dos IES Val do Tea, Pedra de Auga e Barral tralas implicación activa da comunidade educativa do primeiro destes centros. A idea da creación deste itinerario xurdiu dun proceso participativo no que se deu prioridade ao fomento da autonomía da rapazada e a creación dunha contorna amigable, segura, saudable, divertida e atractiva.