O bus IFala chega a Ponteareas o vindeiro sábado 25 de xuño para conmemorar o centenario das Irmandades da Fala

A Concellería de Cultura e Lecer, Normalización Lingüística e Turismo trae da man da iniciativa Ora Galega esta exposición móbil na que se quere reivindicar a modernidade da mensaxe do colectivo galeguista

No ano 1916 tiña lugar, na cidade da Coruña, un feito de grande transcendencia no decorrer cultural e político da Galiza. Naceron as Irmandades da Fala, cuxo obxectivo básico era a defensa, o pulo e o espallamento do idioma galego para, posteriormente, se constituír como unha plataforma en prol da lingua, a cultura e a identidade galega.P1020718_result

Agora, ao se cumpriren 100 anos daquel fito, a iniciativa Ora Galega, coa colaboración do Concello de Ponteareas e o Festival das Brétemas, desexa conmemorar ese centenario cunha volta pola Irmandade. Unha exposición itinerante que leva o nome de iFala, en homenaxe ao conxunto de homes e mulleres que hai cen anos traballaron para incrementar a nosa auto estima, para defender a lingua, a cultura e a identidade galegas, para conseguir a igualdade de dereitos para a muller e para atinxir a soberanía estética, cultural e política da Galiza.

Amais da chegada do bus IFala, que terá a súa exposición aberta con curtas sobre as Irmandades de 12.00 a 14.00 horas diante da Casa do Concello e de 17.00 a 21.00 horas na Praza Maior, haberá diferentes actuacións. Na benvida, a grupo de música tradicional Naiama actuará ás 12.30 horas, desguido ás 13.00 h terá lugar un achegamento ás Irmandades da Fala.

Pola tarde, a partir das 17.30 haberá unha performance do grupo de teatro do Festival das Brétamas coa obra “As falas imposíbeis” na que recrearán conversas anacrónicas coas personaxes históricas galegas; e ás 18.30 acto conmemorativo dos cen anos das Irmandades da Fala. Para fechar a xornada, de volta actuarán Naiama ás 19.00 horas.

A concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, salientou “o que significan as Irmandades non só a nivel cultural ou literario, senón tamén a nivel social, pois as mulleres puideron participar delas, por tanto, para a súa época, foron un exemplo de inclusión e modernidade na actividade cultural”. Amais, animou ás veciñas e veciños de Ponteareas “a participar nas actividades desta xornada, porque grazas ás Irmandades da Fala o galego é unha lingua moderna, cun estatuto de cultura”.

Vítor Vaqueiro, escritor e representante do colectivo Ora Galega fixo un balance do percorrido até agora polo bus IFala. “A resposta é positiva, a acollida nas vilas está a ser grande. En Ribadeo, achegáronse 200 persoas, no Barco de Valdeorras, máis de 150. No fin de xira, en Santiago, estase organizando unha festa moi fermosa e cun cartel ben forte. A difusión da campaña a través de diversos medios está a chegar a milleiros de persoas.”, explicou. “Este proxecto tenta integrar o propósito das Irmandades da Fala na contemporaneidade, explicar que o que significaron aínda está vivo, como versa o lema O bus activa o dispositivo que hai en ti”, engadiu o organizador.