O barrio da Serra, na parroquia ponteareá de Arcos, contará con saneamento público

A Serra, ArcosO Concello de Ponteareas acometerá en próximas datas as obras de saneamento na parroquia ponteareá de Arcos, que xa foron adxudicadas.

Concello de Ponteareas comezará en breve as obras de saneamento do barrio da Serra, en Arcos, cuxo obxectivo é dotar de infraestrutura de saneamento, dando servizo aos seus 138 habitantes, distribuídos en preto de 50 vivendas, tendo en conta que ata o momento os veciños dispoñían os seus residuos en fosas sépticas individuais.

Os traballos a executar, cun investimento de máis de 140.000 euros, consistirán na construción da rede de colectores de PVC, cunha lonxitude aproximada de preto de 2.000 metros. Para tal fin, executaranse obras de apertura de gabias, colocación de tubaxes, construción de pozos de rexistro, recheo compactado e reposición de asfaltado nos viais así como os reforzos de formigón e entibados necesarios. Ademais, levarase a cabo a construción dunha estación de bombeo de augas residuais e a súa respectiva acometida eléctrica. Realizarase tamén a construción dun paso subterráneo que atravese a estrada N-120 para conectar esta rede de colectores a un pozo existente que, á súa vez, desembocará na EDAR de Ponteareas.