O baloncesto máis solidario toma as rúas de Ponteareas

O baloncesto máis solidario toma as rúas de Ponteareas

Concello e Club Baloncesto Condado organizan este sábado 17 unha nova edición de ‘Basket na rúa 3×3’ 

As e os participantes deberán achegar un produto de primeira necesidade por persoa que se destinará á asociación Ponte Solidario

O baloncesto volve esta fin de semana a Ponteareas. Concello e Club Baloncesto Condado organizan este sábado 17 de setembro unha nova edición do ‘Basket na rúa 3×3’, unha modalidade que garante a disputa dun mínimo de 6 partidos a cada equipo e unha tarde de lecer e deporte ao aire libre para o  público asistente.

O torneo celebrarase a partir das 16.00 horas na Praza Maior de Ponteareas. Cada equipo debe ter un máximo de 5 compoñentes que deben vestir camisetas da mesma cor durante os encontros. A inscrición será por rigorosa orde de chegada e estará limitada nun principio a un máximo de 16 equipos. Os grupos da categoría senior-junior deberán abonar unha cota de inscrición de 20 euros, mentres que para as infantil-cadete e minibasket-benxamin será de balde.

Ademais, a competición sacará a cara máis solidaria de todas as persoas participantes, xa que cada un dos integrantes dos equipos deberá doar un produto de primeira necesidade, como leite, cacao, botes de legumes, produtos de hixiene… Todo o recadado irá destinado á asociación Ponte Solidario.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, anima a todas e todos os afeccionados a este deporte a participar nesta xornada de baloncesto “na que deporte, lecer e solidariedade danse unha vez máis a man. É un orgullo poder participar e colaborar en iniciativas cun calado social tan relevante”.

O Club Baloncesto Condado ten habilitado o número de teléfono 670 969 826 para resolver posibles dúbidas ou cuestións relacionadas co torneo. Os equipos interesados en participar poderán inscribirse a través dun formulario en liña ata o vindeiro venres 16 de setembro ás 23.59 horas.