O aventureiro e youtuber Valentí Sanjuan presenta o seu documental “Madrid-Lisboa en BTT: Non Stop”

Na súa xira por toda a península, Ponteareas acollerá no Auditorio municipal unha das dúas datas en Galicia –a outra é na Coruña-  con entrada de balde a sinatura de libros a partires das 17:30 e a proxección do seu último traballo audiovisual a partires das 20:00 horas do domingo 06 de novembro, organizada pola Concellería de Deporte e Novas Tecnoloxías, coordinada por Benito Márquez

img-20161027-wa0002-1

A historia de Valentí Sanjuan é unha historia de adaptación. Esta capacidade é inmanente ao ser humano, unha capacidade fundamental e propia, pois sen ela daquela non camiñariamos por hábitats tan extremos como a Terra de Fogo, o Sahel ou Siberia. É xornalista, creador de contidos, durante anos na televisión e radios de Cataluña, así como na súa propia empresa, até que todo aquilo estourou. Unha historia habitual nos últimos anos: da noite para o día e viceversa, sen traballo, na ruína e  cun equilibrio emocional en caída. Que fixo? Botou a correr, mesmo de madrugada, para tirar fóra a ansiedade. E aos poucos foi subindo nunha canle de youtube as súas experiencias.

Ata tal punto chegou a súa afección que decidiu participar nas probas máis duras do deporte actual cunha curta preparación, máis froito da vontade que da razón. Alcumárono de tolo, de desmerecer aos deportistas profesionais. Se ben, nesta altura xa leva participado no Ultraman de Gales, a Maratón de Sables -cruzar o deserto en sete días-, a Titan Desert -facelo en bicicleta e con distancias máis longas-, o Costa Challenge -cruzar a xungla de Costa Rica correndo-, viaxar de Tarifa a Barcelona realizando cinco Ironmans ou facer o Camiño de Santiago correndo desde Jean Pied de Port (Francia), a onde chegou en bicicleta desde Barcelona, e tamén fixo 240 km polas zonas afectadas do terremoto acontecido en Ecuador no 2016.

A súa última aventura foi participar no desafío de recorrer en bicicleta BTT os 770 quilómetros que separan Madrid de Lisboa sen parar e conseguiu superalo. Produto desta experiencia é o documental “Madrid-Lisboa en BTT: Non Stop”, que no seu habitual estilo desenfadado conta as súas vivencias polos sendeiros e estradas até o seu destino, documental que é o que se exporá no Auditorio Municipal de Ponteareas.

“É moi importante salientar que Ponteareas é o único lugar de toda a provincia de Pontevedra e un dos dous lugares de todo Galicia onde se vai a proxectar este documental e onde vai estar firmando libros. Dende a Concellería de Deportes e Novas Tecnoloxías consideramos que o Concello de Ponteareas debe fomentar actividades para un público máis millenial, máis dixital, onde se enmarca este documental. É algo orixinal e innovador para Ponteareas traer a un exitoso youtuber que ten numerosos seguidores en todo o país”, indica o edil Benito Márquez.

 

https://www.youtube.com/user/valentiestaloco

https://www.youtube.com/user/valentisanjuan