O sábado 18 de abril, a partir das 21:30 horas, o Auditorio Reveriano Soutullo acollerá a representación da obra teatral “GO ON!”, organizada polo Concello de Ponteareas a través da Concellería de Cultura, que dirixe Andrés Sampedro, dentro da programación cultural de primavera. Con ela se tenta difundir o teatro a todos os sectores da poboación.
Escrita por José Luis Prieto e dirixida por Marcos Orsi, trátase dunha comedia na que dous exploradores con aspecto de astronautas se adentran nas terras de Galicia a través da ruta xacobea.
A historia trasncorre en 2010, Ano Xacobeo, e relata situacións intimamente ligadas á idiosincrasia da poboación galega. Anécdotas todas elas contadas cunha alta dose de humor que causarán gran sorpresa nos dous exploradores. Jouse García e Xoque Carbajal son os dous actores encargados de dar vida a estes viaxeiros.