O Auditorio municipal acolle a proxección do filme Entrelobos e posterior charla do protagonista real Marcos Rodríguez Pantoja

A Concellaría de Cultura e Lecer, coordinada por Hortensia Bautista, organiza este domingo día 26 de marzo ás 18.00 horas a proxección da  película baseada na historia do neno que viviu 12 anos cos lobos en Serra Morena, en Andalucía

Entrelobos é un filme dramático e de aventuras do 2010, escrito e dirixido por Gerardo Olivares. Está baseada na historia real de Marcos Rodríguez Pantoja, un neno que durante a época da posguerra viviu en plena natureza e rodeado de lobos.

Marcos tiña sete anos cando foi entregado pola súa propia familia a un cabreiro para coidar o rabaño nun perdido val da Serra Morena. Ao pouco tempo, o cabreiro morreu e Marcos ficou só e completamente illado. Entre 1953 e 1965, até que a Garda Civil o topou, permaneceu no monte sen contacto cos humanos. Alí viviu xunto dunha manda de lobos e os seus amigos eran un furón e unha xeneta.