O Apalpador visita Ponteareas este luns ás 11.00 horas

Recibirá aos nenos e nenas na Praza Maior acompañado de animación musical

Segundo a tradición, o Apalpador era un home que baixaba das montañas no Nadal para tocar o ventre das e dos máis pequenos e comprobar se comeran o suficiente durante o ano, tamén lles deixaba agasallos e castañas para desexarlles un feliz ano novo. Unha tradición galega que é preciso aprender e recuperar. Por iso todos os nenos e nenas ponteareáns que o desexen poderán coñecer ao Apalpador este luns 2 de xaneiro. Ás 11.00 horas partirá da Praza Maior e dende alí percorrerá varias rúas acompañado polo seu burro Río Lor e polo acordeonista Servando Barreiro. Os tres arrincarán sorrisos da cativada ao seu paso coa súa música, os seus bailes e as súas anécdotas, coas que tratarán de promover valores como a dinamización da lingua, o respecto ao medio ambiente ou os hábitos de alimentación saudable.

O Concello anima a veciñanza a acompañar ao Apalpador na súa estancia en Ponteareas, ao tempo que destaca a importancia de pór en valor a nosa tradición entre a nosa infancia.

Esta visita forma parte do programa Nadal en galego da Deputación de Pontevedra. A iniciativa busca que as nenas e nenos coñezan a esta mítica figura que forma parte da tradición galega destas festas.