O alumnado do obradoiro de emprego comeza os seus traballos na Picaraña

A concelleira de Emprego e a concelleira de Medio Ambiente salientan a importante contribución que realizan na protección e coidado dun ben colectivo como é o patrimonio natural e no cumprimento da lei de incendios

A concelleira de Emprego e Formación, Vanesa Fernández, e a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, visitaron hoxe A Picaraña para supervisar os traballos que realizará o alumnado da rama forestal do obradoiro de emprego “Coidar de Nós II”.

O alumnado traballará en nove mouteiras nas parroquias de Arcos, Bugarín e Ponteareas nun total de 218 hectáreas nas que desenvolverá distintos traballos para os que previamente recibíu formación teórica.

En concreto, as dez alumnas e alumnos colocarán trampas para a procesionaria, localizarán e anillarán pes diseminados sintomáticos de nematodo e recollida de mostras para posterior seguemento, contribuirán na erradicación de acacias e eucaliptos, realizarán operacións de mantemento de puntos de auga contra incendios e plantarán especies arbóreas e plantas e tomarán mostras de terra para a súa análise.

Ademais tamén executarán traballos de desbroce e limpeza, apertura de taxeas, triturarán restos de poda e crearán unha faixa natural para reducir a escorrentía, entre outros moitos traballos.

Para desenvolver todas estas tarefas empregarán ferramentas manuais e motorizadas para as que previamente recibiron formación como o manexo de distintos tipos de tractores, desbrozadoras, moto serras ou ferramentas de poda.

A concelleira de Emprego, Vanesa Fernández, destacou a importancia de que o traballo que desenvolven redunde no beneficio de toda a sociedade, “un feito que tamén sirve para motivar ao alumnado que deixa a súa pegada en bens colectivos como o patrimonio natural”.

Pola súa banda, Rosa Covelo, salienta a grande contribución que aportan estas persoas axudando ás comunidades de montes a cumprir a lei de incendios.

Ámbalas dúas concelleiras agradecen a colaboración das distintas comunidades de montes en man común que permiten desenvolver un traballo transversal que actúa de xeito integral.