O alumnado do Bouza Brey recibe á Alfombrista María José Sestelo

A alfombrista María José Sestelo agasalla anécdotas e vivenzas ao alumnado do CEIP Fermín Bouza Brey no marco dos obradorios sobre arte floral que a concellería de Cultura e Turismo está a desenvolver nos centros educativos en colaboración cos alfombristas de Ponteareas.

Esta inqueda muller que comezou a traballar nas alfombras de flores de Corpus cando tiña so cinco anos, relatou aos escolares momentos e aventuras vividas grazas á súa vinculación con esta festa que hoxe pode presumir de ser declarada Festa de Interese Turístico Internacional e recoñecida polos milleiros de visitantes que se achegan cada ano para desfrutar dos máis de 160 anos de historia da arte floral que se agochan detrás de cada pétalo. 

No Bouza Brey realizouse unha mostra e presentación dos materiais e proceso do Corpus elaborado no ano 2009 polas profesoras do equipo de normalización lingüística Chelo Ucha e Isabel Picos. O persoal da concellería de cultura tamén colaborou na realización da presentación desta mostra de materiais. 

María José Sestelo herdou a paixón polas alfombras de flores da súa familia e aínda que a súa vida a levou fora de Ponteareas, volveu e co seu retorno volveu tamén as súas ganas de volver deseñar unha alfombra, de ir buscar por leiras e montes os mellores ingredientes naturais, de preocuparse pola conservación e almacenaxe e un longo etc de tarefas que arrodean o mundo dos alfombristas.

A Alfombrista trasladou ao alumnado o seu compromiso por esta tradición popular e convidou á mocidade a formar parte deste sentir que une a todo o pobo de Ponteareas.

A concelleira de Cultura e Turismo, acompañou á Alfombrista no relatorio dos seus recordos e na transmisión dos seus coñecementos e técnicas que agasallou a todos os presentes para que o día de mañá tomen o relevo.