O alumnado de Ponteareas reforestará o monte con 500 árbores

Con motivo do día da árbore a concellería de Ensino, que dirixe Cristina Fernández, e a concellería de Medio Ambiente, xestionada polo alcalde Xosé Represas, traballarán con todos os centros educativos de Ponteareas para render homenaxe á natureza e ás nosas árbores autóctonas.

Por cuarto ano consecutivo o alumnado ponteareán reforestará os montes veciñais en man común con carballos, castiñeiros, cerdeiras, bidueiros, nogueiras e pradeiros.

Grazas á implicación e colaboración das casas comerciais plantaránse 500 árbores en zonas degradadas polos incendios forestais de outubro do 2017. As empresas, comercios e asociacións de Ponteareas quixeron amosar o seu compromiso co medio ambiente patrocinando estas árbores.

Cristina Fernández quere agradecer a cada un deles o seu grande apoio: Aluarmo, ANPA Ramiro Sabell, ANPA Guláns, ANPA Xuntanza, Clínica San Miguel, FANPO, Laureano Covelo, Maderfri, Sestelo e Tesis, ademais das empresas como Ecocelta que facilita o abono orgánico realizado cos restos de poda recollidos do concello; Aguas de Mondariz que repartirá refrescos e augas nestes días de plantación; e aos rosquilleiros das confiterías Ancla, Dinguilindín, La Marquesina, Regino e Troncoso grazas aos que se reporán os folgos con rosquillas de Ponteareas.

Máis de 1.000 alumnas e alumnos beneficiaránse desta actividade transversal e aprenderán o proceso de plantación, adquirirán coñecementos sobre a vida das árbores e os seus coidados e medrarán como persoas dando un paso máis na posta en valor do medio ambiente, da natureza e do noso patrimonio paisaxístico.

Esta actividade non só persegue a reforestación dos montes se non tamén adquirir valores medioambientais, aprender a traballar coas mans e participar nun ensino máis práctico e experimental”, explica a concelleira.

Deste xeito, o luns día 11 ás dez da mañá o alumnado tomará o territorio na confluencia das lindes das parroquias de Moreira e San Mateo para plantar 260 árbores

Ese mesmo día as alumnas e alumnos do CRA citaránse co alumnado do CIFP A Granxa en Ponte Caneiro, Pías, para plantar 60 árbores. Os máis maiores tomarán o papel de titores para amosar aos máis cativos o traballo a realizar.

O martes día 12 ás 10 horas no monte veciñal en man común de Santiago de Oliveira atoparán o seu novo fogar 60 novas árbores e outras 120 no monte de San Cibrán, en Guláns, a partir das doce do mediodía.

O alcalde Represas traslada tamén o seu agradecemento as empresas participantes así como ás comunidades de montes que facilitan o espazo e parte do traballo. Xosé Represas salienta a importancia de concienciar a unha cidadanía que medrará e vivirá baixo as premisas da estratexia europea “Ponteareas, Hábitat Saudable”. “A sostibilidade, o respecto polo medio ambiente e a axeitada convivencia das persoas co entorno son algunhas das señas de identidade do futuro de Ponteareas. Esta xornada de convivencia e de clases prácticas permite a participación e a interactuar directamente”.