O alumado da especialidade socio sanitaria do obradoiro de emprego de Ponteareas inicia as súas prácticas

O alumado da especialidade socio sanitaria do obradoiro de emprego de Ponteareas inicia as súas prácticas

A concelleira de Emprego, Vanesa Fernández, destaca a aposta do Goberno municipal na formación para facilitar a incorporación da veciñanza ao mercado laboral

O alumnado do obradoiro de emprego ‘Coidar de Nós V’ da especialidade de socio sanitaria que promove o Concello de Ponteareas acaban de comezar a súa práctica formativa no Centro Residencial de Atención a Persoas Dependentes de Vigo . A concelleira de Emprego, Vanesa Fernández, quixo trasladar a todos e todas as participantes os parabéns do Goberno municipal polo esforzo realizado e destacou “a importancia de que dende o Concello continuemos investindo en formación para axudar ás persoas desempregadas a incorporarse ao mercado laboral”.

Os alumnos e alumnas realizarán as súas prácticas ata o vindeiro 31 de marzo para completar a aprendizaxe teórica e obter así os certificados de profesionalidade de Atención Socio Sanitaria a persoas dependentes no domicilio e institucións sociais.

O obradoiro de emprego ‘Coidar de Nós V’ forma parte do programa de formación dual no que levan participado máis de 160 persoas de Ponteareas e As Neves dende 2015 e que nesta edición apostou de novo pola atención socio sanitaria e incorporou un módulo de albanelaría, dous sectores no que hai unha elevada demanda de emprego.

Cun índice de empregabilidade do 90%, o obradoiro de emprego permite cada ano que 20 persoas accedan a un contrato de formación en alternancia a xornada completa durante 12 meses. Esta edición contou cun investimento de 50.600 euros financiados polo Concello de Ponteareas e de 504.000 euros pola Xunta de Galicia a través da Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade.