O alcalde reúnese en Madrid con ACUAES para impulsar a ampliación da EDAR

A directora xeral de ACUAES, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, reuníuse co alcalde para avanzar no borrador do convenio e abordar o proxecto de ampliación

O goberno do BNG-PSOE traballa co obxectivo de aprobalo en Pleno nos vindeiros meses

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, reuníuse coa directora xeral da sociedade mercantil estatal Aguas de las Cuencas de España (ACUAES), do Ministerio para a Transición Ecolóxica (MITECO), Rosa Cobo, para abordar o proxecto de ampliación e mellora da Estación Depuradora de Augas Residuais.

As obras, declaradas de interese xeral do Estado, forman parte do conxunto de actuacións encomendadas a ACUAES o pasado 15 de novembro.

No encontro tratouse o proxecto de construción redactado pola Confederación Hidrográfica do Miño Sil e abordouse o borrador do convenio para a execución e explotación das obras, que será subscrito por ACUAES, o concello de Ponteareas e a Xunta de Galicia, que xa dispón dunha copia remitida á directora xeral de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez.

Represas salientou a boa disposición de ACUAES para dar solución a unha necesidade urxente podendo avanzar na reunión “no borrador do convenio e así axilizar tódolos trámites xa que para asinalo son precisos os correspondentes informes técnicos para a súa aprobación polo Pleno”.

O goberno de Ponteareas, BNG-PSOE traballa co obxectivo de aprobalo en Pleno nos vindeiros meses, a poder ser en xaneiro.

No encontro celebrado en Madrid tamén se acordou a celebración dunha nova reunión no vindeiro mes de decembro co obxecto de ultimar o texto definitivo do convenio, de xeito que as partes intervintes poidan sometelo aos seus respectivos órganos de goberno.

O obxectivo do proxecto é ampliar e reformar a EDAR da nosa cidade, de xeito que o efluínte depurado cumpra cos límites normativos fixados pola directiva 91/271/CEE, así como a mellora e optimización do sistema de saneamento coa construción de dous novos colectores xerais que circunvalarán o núcleo de poboación e eliminarán as infiltracións que se producen actualmente na rede de colectores procedentes de escorrentías superficiais e fontes do sistema de saneamento.

Temos os proxectos para solucionar este grave problema medioambiental e agora tamén sabemos que é viable a súa financiación para ter as obras rematadas antes do ano 2023, esta é unha oportunidade histórica para Ponteareas pola implicación das administracións do Estado e da Xunta para impulsalo e poder contratar as obras canto antes”, manifestou Represas.

Coa execución das obras porase fin a un problema que padece o Concello dende hai máis de 20 anos, que ten a súa orixe na existencia dunha EDAR cuia capacidade é insuficiente para tratar os caudais que lle chegan e que non acada os parámetros de calidade esixibles para cumprir as condicións de verquido ao medio receptor, neste caso o río Tea.

Estes problemas de depuración teñen derivado na imposición de sancións que causan un prexuízo económico para o Concello e para os seus habitantes.

A actuación será cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER 2014-2020, dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE).