O Alcalde de Ponteareas e a Concelleira de Ensino avanzan no estudo dun novo modelo de vila

Xosé Represas e Cristina Fernández participan esta semana no Encontro Tonucci Rede Española Cidades dos Nenos e Nenas
Seminarios de traballo en grupos, conferencias e actividades prácticas son algúns dos puntos do programa

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e a Concelleira de Ensino, Cristina Fernández, participan no Encontro Tonucci Rede Española Cidades dos Nenos e Nenas que se está a celebrar estes días na cidade de Pontevedra, organizado pola Deputación de Pontevedra e o Pazo da Cultura.
A este segundo encontro entre as cidades e vilas asisten máis dun cento de técnicos, representantes de administracións e entidades de todo o Estado en materia de Ensino, Formación, Vías e Obras, Mobilidade ou Igualdade, entre outros departamentos.
Este encontro, que o ano pasado se celebrou en Granada, nace co obxectivo de potenciar a autonomía dos nenos e das nenas no espazo público e, sobre todo, para coñecer in situ o coñecido “modelo Pontevedra” ensalzado por Tonucci en todo o mundo.
Dentro da programación desenvolta nestes días de traballo os participantes asistiron a seminarios prácticos en grupos, percorreron a cidade para detectar as diferenzas entre a Pontevedra de antes e a de agora a través de fotografías antigas e comprobaron a evolución da cidade que soubo adaptarse ás necesidades dos veciños e veciñas.
Para o Alcalde de Ponteareas, “participar nestes encontros é unha mostra máis do interese real que ten este equipo de goberno en facer da vila un espazo para a veciñanza adaptado aos seus ritmos e respetuoso co medio ambiente. Garantir un espazo público óptimo, agradable, san e accesible para todos e todas está entre as prioridades deste goberno”.
Pola súa parte, a Concelleira de Ensino, Cristina Fernández, destaca a importancia de formarse permanentemente e traballar tomando os exemplos de outras cidades que son capaces de integrar a todos e todas as veciñas, incluíndo os colectivos de poboación máis sensible como o son os nenos e nenas, os nosos maiores ou as persoas con dificultades especiais.
Arredor deste encontro, durante o mes de abril, organizáronse diferentes actividades didácticas e lúdicas (roteiros guiados, xogos…) nas que tiveron a ocasión de participar moitos escolares da vila de Ponteareas.