O alcalde apela á unidade para lograr a circunvalación de Ponteareas

O rexedor valora positivamente a partida recollida nos orzamentos do Estado para 2016 e creará unha comisión política e social para facer seguimento dos compromisos e prazos

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, apelou á unidade das forzas políticas e sociais para lograr a circunvalación de Ponteareas. O alcalde amosou a súa satisfacción pola inclusión nos orzamentos do Estado dunha partida de 420.000 euros para 2016.

A inclusión da partida foi anunciada polo Partido Popular da localidade. Represas lembrou que “que en anos anteriores tamén se anunciaron e recolleron partidas nos orzamentos que non se traduciron en actuacións concretas”, pero engadiu que “imos facer todo o que estea na nosa man para que desta vez non sexa un anuncio propagandístico”.

O alcalde anunciou que constituirá unha comisión municipal, con todas as forzas políticas, con colectivos sociais e asociacións de empresarios, comerciantes e colectivos veciñais das parroquias afectadas. Esa comisión encargarase de facer seguimento dos compromisos do Estado e do seu cumprimento conforme aos prazos que se determinen.

Ademais, Represas dirixiuse ao Ministerio de Fomento e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio solicitando a constitución formal da Comisión de Seguimento cuxa creación estaba prevista no Protocolo de Colaboración entre o Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia e o Concello, de data 16 de maio de 2015, pero que desde entón non se chegou a constituír. “Eu como alcalde velarei porque os compromisos se cumpran. Se non é así, estou seguro que todas as forzas políticas, incluído o PP, e as organizacións sociais actuaremos unidos para esixir a execución da circunvalación”, sinalou Represas.