O aeroporto de Peinador loce unha alfombra de flores para a promoción do Corpus Christi de Ponteareas

O aeroporto de Peinador loce unha alfombra de flores para a promoción do Corpus Christi de Ponteareas

A Asociación de Alfombristas confeccionou unha peza que achegará a festa da vila a todas as pasaxeiras e pasaxeiros que pasen polo aeroporto vigués

O aeroporto de Peinador conta cunha alfombra de flores para despedir ou recibir a todas e todos os pasaxeiros. A Asociación de Alfombristas confeccionou esta fin de semana no hall do aeroporto vigués unha alfombra floral para continuar coa promoción da festa do Corpus Christi 2023.

Trátase dunha fermosa peza de arte efémera chea de cor que poderán contemplar todas as persoas que cheguen ou saian nun voo desde Vigo e que lles permitirá contemplar unha pequena mostra do que son as alfombras florais e de todo o que significan para Ponteareas.

Coa celebración da festa do Corpus ás portas, a Asociación de Alfombristas de Ponteareas continúan o seu labor para levar esta Festa de Interese Turístico Internacional máis alá da vila. Como salientan as propias e propios alfombristas, “queremos que o público que aínda non coñeza Ponteareas e o Corpus descubra todo o que podemos ofrecer en Ponteareas. E animamos a todo o mundo a compartir con nós a nosa festa grande os días 10 e 11 de xuño”.

Esta obra de arte efémera completa coa promoción do documental ‘As mans do Corpus’, unha peza audiovisual que pon en valor o traballo colectivo, o esforzo e a singularidade das alfombras de Ponteareas e da súa festa grande. O documental foi gravado durante a celebración do pasado ano 2022 para recoller todos os momentos da festa, así como os preparativos previos, menos coñecidos para turistas e visitantes. As persoas interesadas poden ver o documental na web de turismo de Ponteareas.