O actor Cándido Pazó presenta en Ponteareas “Que comerá o rei?”


A concellería de Cultura do Concello de Ponteareas, dirixida por Hortensia Bautista, continúa coas actividades de homenaxe a Castelao.

Este sábado, ás 20:00 horas, Cándido Pazó presenta no Auditorio Municipal “Que comerá o rei?”, un espectáculo que, coa palabra como única ferramenta, procura o humor agudo e tenro, a expresión sinxela e sutil e o trazo delicado e potente do xenial artista. A entrada é gratuíta ata completar aforo.

“Que comerá o rei?”, título tomado dun texto das estampas do álbum Nós de Castelao, trátase dunha sesión de historias e contos inspirados nos textos e debuxos de Castelao. Estes contos son narrados, en relación viva e directa co público, coa maxia da palabra de Cándido Pazó; actor, director, guionista e narrador oral de múltiples obras da escena galega.