O 70 % das alegacións presentadas ao PXOM foron informadas favorablemente

pxomO equipo redactor do PXOM do Concello de Ponteareas xa ten elaborado o informe de contestación individualizada ao 100% das alegacións presentadas. En canto a este informe, o 70% das alegacións presentadas ten sentido favorable ou parcialmente favorable, buscando adaptarse ás peticións dos veciños e á legalidade.

Neste documento cómpre sinalar varias modificacións importantes, como son a nova ubicación da EDAR de Moreira, buscándolle unha situación máis alonxada das edificacións residenciais ou o reaxuste da ficha do solo empresarial da Lomba, en Areas, para unha mellor ensamblaxe ambiental na zona. Igualmente, tamén se estimaron un gran número de alegacións que solicitaban a inclusión de parcelas no solo do núcleo rural.

Outro aspecto moi importante que se resolveu de forma satisfactoria e favorable foi a estimación de todas as alegacións sobre os edificios que quedaran “fóra de ordenación”, coa aprobación inicial do plan, e que maior número de alegacións suscitou, máis de 1.000, no período de exposición ao público. O texto normativo analizouse e revisouse, axustándose, garantíndose coas novas ordenanzas que todas as edificacións existentes que dispoñen de licenza antes da aprobación do PXOM, adaptándose a ela, serán compatibles co planeamento e, consecuentemente, non estarán sometidas ao réxime de fóra de ordenación. Polo tanto, estas edificacións son totalmente conformes coa legalidade vixente para os efectos de valoración do inmoble, os rexistrais ou os hipotecarios, resolvéndose, pois, unha das cuestións máis demandadas polas comunidades de veciños de edificios. Ademais, foi modificada a cartografía, recollendo os edificios que teñen alturas maiores para especificar que son compatibles co planeamento.

O goberno local sinala que previsiblemente o documento, cos seus informes sectoriais favorables, estará disposto para a súa aprobación provisional en varias semanas, posto que é necesario que se aprobe provisionalmente canto antes, tendo en conta que se aveciñan cambios lexislativos en materia urbanística e de patrimonio cultural, que podería requirir reformas de grande magnitude, ou de forma completa, o que conlevaría un custo económico así como anos de traballo.