Nun emotivo acto, Jesús Rodríguez Delgado recibiu onte a distinción de Fillo Adoptivo do Concello de Ponteareas

Jesús Rodríguez Delgado- Salvador GonzálezJesús Rodríguez Delgado, alfombrista orotavense e presidente da Asociación de Alfombristas de La Orotava, Tenerife, recibiu onte pola noite a distinción honorífica de Fillo Adoptivo do Concello de Ponteareas, nun acto cheo de afecto e emoción, onde ademais do alcalde, Salvador González Solla, e o concelleiro de Cultura, Andrés Sampedro Fernández, o homenaxeado estivo arroupado polos membros da Corporación Municipal, autoridades, a delegación de La Orotava, alfombreiros de Ponteareas, amigos e veciños, os cales coa súa presenza quixeron ratificar a relación de fraternidade que manteñen estes amigos de La Orotava con Ponteareas.

Neste acto, o alcalde do Concello de Ponteareas impúxolle a insignia de solapa de ouro do Concello de Ponteareas, ademais de facerlle entrega do diploma acreditativo da súa distinción, xunto coa certificación do acordo plenario do seu nomeamento. Contou este entrañable acto co agradecemento, a través dunha carta enviada, do alcalde da Villa de La Orotava, Francisco Linares, quen amosou a súa satisfación pola distinción outorgada ao seu veciño e agradéceulle a Corporación Municipal esta distinción que vén evidenciar a importancia dos lazos de unión entre os dous municipios.

O homenaxeado, moi emocionado, agradeceu esta honra, expresando que a distinción de ser nomeado Fillo Adoptivo da Vila do Corpus é a maior honra que recibiu na súa vida e destacou que en Ponteareas se sinte como na súa casa, acollido durante case trinta anos que asiste a Ponteareas, como un máis, abríndoselle as portas das súas casas e os seus corazóns.