Novos cursos de balde da aula CEMIT de Ponteareas

A concellaría de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico, que dirixe Benito Márquez, informa que abre o prazo de inscrición dos novos cursos que oferta a  Aula CEMIT de Ponteareas, situada no Centro Social, na rúa Oriente.

Neste mes de maio, a aula CEMIT de Ponteareas ofrecerá cursos de manexo básico de móbil Android e de ordenador e navegación; cursos que serán presenciais e en grupos reducidos, que teñen o obxectivo de mellorar o seu manexo do teléfono móbil/tableta e das súas aplicacións para a procura de información, para a realización de xestións coas administracións e para facilitar ferramentas dixitais que lle axuden no ámbito social e familiar. Tamén haberá cursos online de iniciación ao WordPress,  cursos de deseño gráfico con software libre (Inkscape) e sobre a creación de publicacións na nube (CANVA).

A inscrición nos cursos pode realizarse na seguinte ligazón  https://cemit.xunta.gal/gl/centro/59

O alumnado contará con titorías online e offline por correo electrónico e en liña segundo cita previa no horario de atención da aula todos os días de 9 a 11 horas e os mércores de 21:30 a 22:30hrs.

A aula CEMIT ofrece formación informática totalmente de balde, axeitando o deseño dos cursos á demanda e necesidades da cidadanía. Por este motivo, o responsable dos cursos recorda que as persoas interesadas poden achegar á aula CEMIT suxestións para estudar as necesidades de formación informática e programar distintos niveis e contidos a medida da demanda.

“O obxectivo desta aula é promover a inclusión no uso das novas tecnoloxías, ofrecendo os coñecementos necesarios para que as persoas poidan desenvolverse cun ordenador, e prestando especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital”, explica Benito Márquez, engadindo que “tamén buscamos fomentar a formación dixital entre os profesionais e achegar ás PEMEs as vantaxes da Sociedade da Información”. O edil tamén aproveitou a ocasión para animar a tódolos veciños a que se anoten nos diversos cursos e “aproveiten esta oportunidade”.       

            Para obter máis información ou trasladar as súas necesidades formativas, as persoas interesadas deberán contactar a través de chamada ou de mensaxe de whatsapp no número de teléfono 634 238 962 ou de correo electrónico cemit.ponteareas@xunta.gal.