Novo volume da colección «Creadores ponteareáns» dedicado ao escultor Silverio Rivas

O concello de Ponteareas presentou un novo volume da colección «Creadores Ponteareáns», coa que se pretende homenaxear ás figuras máis senlleiras da vila e que destacan no eido das artes. Logo do volume dedicado a Alfonso Pexegueiro, este novo tomo céntrase na figura do escultor Silverio Rivas, nado en Ponteareas en 1942. 

Silverio Rivas é unha das voces máis interesantes da escultura galega dos últimos anos, e tanto a súa traxectoria artística como o seu traballo a prol da introdución da abstración escultórica en Galicia, foron recoñecidos de maneira unánime. Curioso pola investigación dos materiais de traballo, nunca deixou de experimentar novas vías de expresión con eles, dende a madeira ou a cerámica ata o chumbo ou o granito. O xogo coas formas e os espazos achegouno a un construtivismo orgánico, mesmo a estudar en Sargadelos as esculturas articuladas.

A súa traxectoria levouno a Vigo, Madrid e París antes de asentar definitivamente en Páramos (Tui), onde mantén un obradoiro dende o que continúa a traballar. A súa obra atópase espallada por numerosos museos e coleccións privadas de todo o mundo, así como nalgunhas das principais localidades galegas, que exhiben as súas pezas de gran formato, como é o caso da Porta América, ubicada na praza viguesa do mesmo nome.

O libro parte dun texto realizado polo poeta Xavier Seoane, amigo persoal do escultor, e fai un percorrido pola súa traxectoria vital e artística afondando nas distintas etapas que atravesou na súa andaina creativa. Profusamente ilustrado, contén numerosas imaxes das súas principais obras, tanto pequenas pezas coma composicións de gran formato, e inclúe ademais varios anexos cunha pequena mostra do seu traballo pictórico, as exposicións nas que participou, ou algúns dos lugares onde pode ser visto o seu traballo.