Novo vertedoiro incontrolado. Axúdanos a paralos!

A concellería de Medio Ambiente solicita novamente a colaboración cidadá na denuncia dos e das responsables dos vertedoiros incontrolados. A concellería, que dirixe Rosa Covelo, atopou un novo vertedoiro incontrolado xunto ao campo de fútbol de Moreira. Rosa Covelo solicita a colaboración cidadá para atopar aos e ás responsables destes vertidos que supoñen un atentado para o medio ambiente pero tamén unha falta de consideración e respecto polos bens comúns e polo resto da veciñanza.

A concelleira insiste en que, cada vez que se atope un vertido, se abrirá unha investigación que conlevará unha sanción.

Os vertidos incontrolados afectan a toda a veciñanza obrigándoa a convivir nunha contorna desagradable e insalubre. Rosa Covelo explica a necesidade de colaborar para rematar con este tipo de actitudes pouco cívicas que ademais tampouco contribúen no aproveitamento axeitado dos servizos municipais “xa que dispomos dun punto limpo aberto nun amplo horario, dun servizo gratuíto de recollida de enseres e dun servizo de recollida de lixo programado semanalmente para ofrecer un servizo óptimo. Por todos estes motivos debemos atopar aos responsables e facilitar ao Concello todos os datos posibles que axuden na investigación”, explica a concelleira.

A cidadanía pode contactar co departamento de Medio Ambiente no número de teléfono 986 64 00 00 e solicitar cita previa ou enviar un correo electrónico ao enderezo medioambiente@ponteareas.gal

Toda a cidadanía dispón dun punto limpo e do servizo de recollida de enseres cos que poden contactar no 986 640 307 e desfacerse dos mobles voluminosos sen ter que moverse da casa ou achegándose ás instalacións do punto limpo. Previa solicitude poderemos deixar os nosos enseres xunto aos contedores cada xoves desde ás 21 horas ata o venres ás 06:00 horas.