Novo curso de memoria no Centro Cultural de Angoares

Novo curso de memoria no Centro Cultural de Angoares

Cunha duración de 15 horas celebrarase os luns de 17.00 a 19.00 h a partir do vindeiro 8 de maio. Xa está aberta a inscrición

O Concello de Ponteareas continúa a levar cursos de balde ás diferentes casas e centros culturais para achegar “o maio número posíbel de actividades lúdicas e didácticas ás nosas parroquias”, como destaca o concelleiro de Cultura, Fernando Groba. Ao abeiro destas iniciativas, o vindeiro luns 8 de maio comeza un novo curso de memoria no Centro Cultural de Angoares.

Trátase dun obradoiro de 15 horas de duración, un curso práctico no que as persoas participantes traballarán para mellorar a súa capacidade de retención e concentración, con técnicas e estratexias deseñadas para todas as idades coas que mellorar a memoria de forma amena.

O curso celebrarase os luns de 17.00 a 19.00 horas e terá un máximo de 15 prazas. As persoas interesadas en participar ou ter máis información poden poñerse en contacto co propio centro cultural ou co departamento de Cultural en departamentocultura@ponteareas.gal.