As novas obras de reforma do Mercado Municipal de Ponteareas xa foron adxudicadas e comezarán en breve.

IMG_6506As novas obras de continuación da reforma do Mercado Municipal de Ponteareas, que foron xa adxudicadas, comezarán proximamente e serán as necesarias para a mellora desta infraestrutura comercial e suporá unha maior comodidade e funcionalidade non só para os comerciantes, senón tamén para os compradores, os cales disporán dun mercado máis moderno, cómodo e coa mellora dos accesos á instalación. Estas obras levaranse a cabo no segundo nivel, postos de carnicerías, na cuberta e nas zonas de acceso ao citado mercado municipal.

Segundo o goberno ponteareán, estas obras, que principiarán en breve, veñen sumarse ás xa acometidas no primeiro nivel do mercado, inauguradas no mes de xaneiro, e coas que se pretende a remodelación e modernización integral do mercado municipal de Ponteareas, agardando que estes traballos estean executados nun prazo estimado de 3 meses e rematen este ano. Suporán un investimento de preto de 200.000 euros, que serán cofinanciados polo Concello de Ponteareas, que asumirá o 25%, e a Consellería de Economía e Industria, que sufragará o 75 % restante, dentro do programa de subvencións aos concellos galegos para a reforma dos mercados municipais e prazas de abastos, cofinaciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional(FEDER).

Estas accións de remodelación e modernización consistirán na retirada e cambio do material existente da cubrición, que será substituído por panel sándwich con cara superior e inferior de acero galvanizado con capa intermedia de illamento térmico así como o cambio de baixantes e canalóns por outros novos coa pendente axeitada para a evacuación correcta das augas pluviais. Levarase a cabo a substitución das actuais varandas existentes nas escaleiras interiores por outras máis permeables á vista, a base de paneis metálicos, e pasamáns con estrutura metálica. Executarase tamén a substitución do actual sistema de evacuación da auga no piso por sumidoiros sinfónicos puntuais que eviten malos olores, etc.

Procederase igualmente á eliminación das barreiras arquitectónicas existentes que supuñan un problema de accesibilidade no nivel principal, dada a existencia dun escalón de 20 cm de altura, coa execución dunha rampla de acceso na fachada principal e mellorarase o piso desta planta principal coa colocación de pavimento continuo de morteiro nas zonas de circulación, similar ao que xa existe na planta do nivel 1, e o pavimento existente será tratado para mellorar a adherencia do mesmo. O sistema de iluminación e ventilación será tamén obxecto de reforma e mellora coa instalación de novas ventás de alumnio que permitirán a regulación térmica adecuada do interior do edificio.