Nova retirada de vertedoiros incontrolados

A concellería de Medio Ambiente, que dirixe Rosa Covelo, pide a colaboración cidadá para rematar coa imaxe do lixo e dos enseres abandonados tanto en puntos espallados como na contorna dos colectores de lixo. Nesta semana vén de retirar varios vertedoiros incontrolados en distintos puntos do concello ademais de atopar colectores de lixo arrodados de enseres e bolsas que non foron deitadas dentro do contenedor. Exemplo desta actitude é a imaxe que acompaña esta nota de prensa realizada en Fontenla polos servizos de recollida de lixo.

Rosa Covelo convida a toda a cidadanía a traballar por unha vila máis limpa e cívica empregando os servizo gratuíto de recollida de enseres, deixando determinados produtos no punto limpo e procedendo a utilizar o contenedor de lixo axeitado, depositando sempre o lixo dentro dos mesmos e atendendo á normas hixiénico-sanitarias.

A concelleira informa que, nestes días, se procedeu á retirada de vertedoiros incontrolados na Gándara, en San Cibrán, en Guláns e en Moreira “a cidadanía non precisa verter na vía pública porque para iso dispón dun servizo gratuíto de recollida de enseres e dun punto limpo cun amplo horario”.

Rosa Covelo lembra que os venres a primeira hora da mañá o servizo de recollida de enseres atende á demanda da veciñanza polo que os obxectos non deben ser depositados xunto aos contedores antes dos xoves ás 21 horas.

O servizo de recollida de enseres é totalmente de balde e ofrécese de xeito semanal tan só tendo que chamar ao teléfono 986 640 307.

A concelleira solicita tamén a colaboración da cidadanía para a denuncia deste tipo de actitudes que afectan á boa convivencia e atacan ao medio ambiente.

Rosa Covelo informa, ademais, dos horarios do punto limpo: de luns a venres de 08:30 a 13:45 e de 16 a 18 horas; os sábados de 10 a 13 horas e recórdalle á veciñanza que está prohibido tirar lixo fóra das instalacións e que só se admiten residuos de orixe doméstico, non industriais.