Nova equipación para combater a vespa velutina

sdr

A concellería de Seguridade Cidadá, que dirixe Vanesa Fernández, ven de adquirir unha nova ferramenta para a destrución de niños de vespa velutina cun valor de 2.490€. Este novo equipamento composto por un rifle estilo paint ball, cargadores, botellas de aire comprimido e todos os complementos e adaptadores precisos para impregnar o niño será empregado polos bombeiros e permitirá acabar cos niños que están moi elevados ou en lugares de difícil acceso.

Un complemento que facilitará o traballo do equipo de bombeiros que realizaba a retirada de niños de velutina cunha pértiga de fibra de carbono adquirida tamén polo concello ao ser insuficiente a facilitada pola Xunta de Galicia.

Este novo aparello, que xa está sendo utilizada por outros concellos galegos, ven cun depósito para 200 tiros e un adicional con capacidade para 600 máis capaz de cargarse en apenas uns minutos. Ademais, simplifica a retirada de niños ao ser máis rápido e máis limpo como por exemplo no caso dos niños ubicados en torretas de tensión ao non ser preciso cortar a luz.

Por outro lado, esta nova ferramenta optimiza os recursos utilizando menos cantidade de produto, ata unha cuarta parte menos.

A concelleira Vanesa Fernández insiste na importancia de facilitar aos bombeiros as mellores ferramentas para que poidan desempeñar o seu traballo de xeito máis eficaz e tamén máis seguro para os propios profesionais, suplindo a “deixadez da Xunta de Galicia”.