Nova edición da ruta urbana “Coñece Ponteareas”

A concellería de Cultura organiza un percorrido urbano polo casco vello da vila o vindeiro xoves, 27 de agosto

cartel percorrido urbanoO próximo xoves, 27 de agosto, terá lugar unha nova andaina urbana polo casco urbano do concello denominada “Coñece Ponteareas”. A actividade, que dará comezo ás 19:30 horas na Biblioteca Municipal, permitirá que os asistentes poidan coñecer máis polo miúdo a historia dalgúns dos edificios emblemáticos situados no eido máis urbano da vila do Tea.

A ruta terá como primeira visita a ponte romana, continuará polo camiño Real e seguirá pola rúa Ferreiros e a baixada de San Gregorio até chegar á Praza Maior, onde os visitantes poderán coñecer o emprazamento da antiga igrexa.

A andaina proseguirá pola rúa Oriente, onde se fará unha pequena parada na Casa Bugallal. Posteriormente os camiñantes dirixiranse cara á Praza de Bugallal e terán a oportunidade de saber algo máis acerca da Igrexa de San Miguel e do papel que xogou a vila de Ponteareas no comercio local ao longo do século XIX.

A actividade, que se atopa dentro do programa de actividades deseñado pola concellería de Cultura para a época estival, rematará pasando pola avenida da Constitución, observando as pías bautismais, até arribar á Casa do Concello, onde será posible profundar un pouco no rol que desenvolveron figuras como Gabino Bugallal ou Reveriano Soutullo, as cales presiden os Xardíns da Xiralda dende hai anos.

Todos aqueles interesados poden informarse a través do número de teléfono 672 105 468  e do enderezo electrónico turismo@ponteareas.es.