Nova edición da Clásica Álvaro Pino en Ponteareas

A Clásica Álvaro Pino presenta o seu maillot oficial

A Marcha Cicloturista celebra a súa segunda edición da man da Asociación Deportiva Plan C en colaboración co Concello de Ponteareas, e terá lugar o 22 de maio no Condado Paradanta

 

O gran fondo cicloturista volve a Ponteareas despois do éxito da pasada edición e xa ten data oficial, o 22 de maio.

 

A marcha, que leva o nome do ilustre exciclista ponteareán, mantén todos os obxectivos e percorrido da pasada edición, aspirando así a consolidarse como unha das referencias do calendario cicloturista nacional.

 

Mantense o percorrido de 110 quilómetros, con saída e chegada a Ponteareas, cun tramo inicial neutralizado e o resto a velocidade libre, pero tentando reagrupar aos corredores nos avituallamientos da Cañiza e Covel. A marcha pasará por 7 concellos (Ponteareas, Mondariz Balneario, Mondariz, Covelo, Cañiza, As Neves e Salvaterra), terá máis de 2.000 metros de desnivel acumulado nun percorrido esixente pero asumible, e pasará por 3 altos de montaña.

 

Dende a organización sinalan que están moi felices da gran acollida e participación que tivo o regreso da marcha na pasada edición, completando as 400 inscricións antes da data de peche, e comentan que este ano puideron aumentar a 600 as inscricións debido á evolución favorable da pandemia.

 

Os organizadores queren destacar a continuidade do apoio dos patrocinadores para a celebración deste evento: Grupo Sestelo, Axa Lynalfa Grupo Asegurador, Rodosa, Darlim, Concello de Ponteareas, Deputación de Pontevedra, GDR Condado Paradanta e numerosos comercios locais que colaborarán neste evento deportivo.

 

A Clásica Álvaro Pino estrea este ano novo maillot e de momento é un dos segredos mellor gardados pola organización, aínda que segundo declaracións dos organizadores desvelarano nas próximas semanas nunha presentación oficial e a través das súas redes sociais.

 

O evento conta cunha páxina web www.clasicaalvaropino.com a través da cal se realizarán as  inscricións. Tamén contan con Facebook, Instagram e Twitter (@ ClasicaPino) na que manterán informados a todos os participantes sobre o desenvolvemento da marcha. Os interesados xa poden consultar toda a información e regulamento relativa á marcha na páxina web.