Nova convocatoria de axudas de emprego en Ponteareas

O concello de Ponteareas abre o prazo para as axudas de apoio á creación e consolidación de emprego por parte da iniciativa privada na localidade. A subvención foi publicada hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) e a cuantía ascende a 39.000€. O prazo para presentar as solicitudes comeza mañá e remata o vindeiro 1 de decembro tendo os e as interesadas dez días naturais para presentarse. As bases e os impresos pódense atopar na páxina web do concello de Ponteareas no seguinte enlace https://ponteareas.gal/axudas-subvencions/

Poderán beneficiarse das axudas, tanto os emprendedores a título individual que acceden por primeira vez ao mercado laboral como empresas e autónomos que queiran contratar novo persoal ou aquelas que vaian mudar a modalidade dos contratos temporais a indefinidos.

Novidades

Esta convocatoria fai especial fincapé no fomento da contratación da mocidade nas empresas locais, unha das primeiras medidas que se inclúe no Plan de Mocidade que a concellería que dirixe Miguel Bouzó está ultimando para a súa consulta pública e posta en marcha para ser executado de xeito transversal coa Concelleira de Formación e Emprego que dirixe Vanesa Fernández. Deste xeito, esta liña de axudas incentiva e reforza á contratación de menores de 36 anos de idade incrementando a cuantía correspondente nun 50% chegando ata os 3.000€.

Estas axudas foron implantadas no ano 2015 pola decisión persoal do alcalde Xosé Represas de destinar a ese fin a partida do presuposto reservada para o seu salario ao que renunciou.

82 traballadores xa foron contratados e consolidados como indefinidos neste último mandato grazas a estas axudas.

O alcalde Xosé Represas responde así á principal preocupación dos e das ponteareás: o emprego, prioridade para este goberno que por vez primeira e durante catro anos consecutivos adica recursos a apoiar e incentivar a creación de emprego por parte da iniciativa privada.