Por quinto ano consecutivo teremos un obradoiro de emprego
Os proxectos do concello de Ponteareas volven contar co apoio da administración e vinte persoas desempregadas serán contratadas e recibirán formación
A concellería de Formación e Emprego, que dirixe Vanesa Fernández, anuncia que a Consellería de Economía, Emprego e Industria ven de concederlle ao concello de Ponteareas unha subvención de 336.446€ para a realización do obradoiro dual de emprego “Coidar de Nos II”.
Vanesa Fernández adianta que vinte alumnos-traballadores serán beneficiarios desta acción de fomento do emprego que se ofrecerá en dúas especialidades: atención sociosanitaria de persoas dependentes no domicilio e atención nas propias institucións sociais e a especialidade de rehabilitación e mantemento nos espazos verdes municipais.
Este obradoiro de nove meses de duración tamén contará cun reforzo económico de 3.000€ para incentivar a contratación e cubrir os gastos salariais derivados dos contratos de traballo que se suscriban co alumnado, ademais das achegas e fondos propios do concello de Ponteareas.
“Este obradoiro enmárcarse nas iniciativas de emprego do actual goberno municipal, que ten como finalidade formar a poboación para acceder a máis ofertas de emprego e xerar oportunidades de traballo”, manifestou a concelleira socialista.
Fernández sinala que este é xa o quinto ano consecutivo que Ponteareas conta co apoio da administración que avalía positivamente as propostas presentadas por este goberno.
Este obradoiro permitirá tamén a contratación dun director, dun titor, de dous expertos en atención en domicilio e institucións tanto na área sanitaria como social e un experto en xardinería.
No último obradoiro de emprego acadouse o 100% da inserción laboral na modalidade de sociosanitaria.