Noite de humor por todo o alto con Cándido Pazó ao abeiro do programa Cultura24

A actuación será este sábado 25 marzo ás 20.30 horas no Centro Cultural Xinzo con entrada de balde

Noite de humor por todo o alto con Cándido Pazó ao abeiro do programa Cultura24Ponteareas gozará dunha noite de risas a esgalla esta fin de semana da man do xenio do humor galego Cándido Pazó. O autor, director de escena, narrador oral e actor chega este sábado 25 de marzo á vila ao abeiro do Cultura24, “un programa posto en marcha polo Concello co que dende hai anos tratamos de achegar a actividade cultural a cada recuncho da nosa vila, enchendo de vida e lecer todas as parroquias”, destaca o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

Pazó subirase ao escenario do Centro Cultural Xinzo cun espectáculo cómico, un monólogo co que conquistará ao público cunha representación fronteiriza entre a narración oral e o teatral na que se adaptará de forma case camaleónica a cada tipo de espectador e espectadora.

Cándido Pazó comezou a súa actividade como actor en 1975 vinculándose ao nacente movemento teatral de Vigo e de Galicia, sendo un dos benxamíns das xeracións xurdidas arredor dos primeiros encontros da histórica Mostra de Teatro de Ribadavia. Na súa formación non regulada destaca o seu paso pola École Philippe Gaulier de París, onde comeza o seu interese por un xogo teatral que se reflicte no seu traballo de escritura e dirección.

O espectáculo será ás 20.30 horas con entrada de balde ata completar aforo. Groba convida a toda a veciñanza a non perderse esta noite de humor por todo o alto.