Na procura da inclusión total no CEIP Mestre Ramiro Sabell

A ANPA e o centro escolar súmanse á iniciativa da concellería de Ensino para ampliar a cobertura da terapia asistida con cans da que neste curso tamén se beneficiará o resto do alumnado

A concellería de Ensino que dirixe a tenenta da alcalde Cristina Fernández da un paso máis na consecución dunha sociedade inclusiva e amplía o servizo de terapia asistida con cans ao resto do alumnado porque a inclusión e a igualdade é cousa de toda a sociedade.

Esta terapia daba os seus primeiros pasos no pasado curso escolar da man da concellería de Ensino incorporándose no curriculum do CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera destinada ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE). Neste curso a ANPA e o propio centro súmanse á iniciativa da concellería para ampliar esta novidosa terapia ao resto das e dos alumnos.

Dende o mes de decembro e ata o mes de maio as profesionais de YARACAN traballan unha vez á semana co alumnado NEAE de infantil e primaria e unha vez ao mes con todo o alumnado dos cursos implicados. Eco, Trufa e Uma son os e as encargadas de interactuar seguindo as instrucións das técnicas Eugenia e Julia Correa, especialistas nesta terapia.

En contínua mellora e sempre desenvolvendo un traballo en equipo, a concellería, o centro escolar, a ANPA e as profesionais deste método decidiron este ano dar o salto á integración real traballando unha vez ao mes con todo o alumnado para que, pouco a pouco, a inclusión sexa un feito.

É imprescindible que todos e todas teñamos as mesmas oportunidades e atopemos apoios para resolver as nosas necesidades pero para iso temos que formar unha sociedade solidaria capaz de apreciar a diversidade e a riqueza das diferenzas que fan que cada persoa teña algo importante que aportar”, explica Cristina Fernández.

A terapia asistida con cans axuda ao alumnado NEAE pero tamén ao resto do alumnado. Julia Correa explica os beneficios que reporta para toda a comunidade educativa e os avances que se acadan “maior motivación, atención e concentración na súa contorna inmediata, melloran en actividades como a da lectura, o traballo en equipo e incrementa a capacidade para seguir instrucións, ademais de reducir a impulsividade e a agresividade tamén mellora a autoestima, a autodisciplina e o autocontrol”.

Actuando dende o plano emocional, as irmás Correa comezan o seu traballo dúas horas antes de chegar ao centro escolar preparando aos seus compañeiros caninos para que xa na aula estean ao 100%.

Cada sesión é previamente estudada e deseñada co profesorado do centro para acadar os obxectivos pactados.