O centro da vila acollerá actuacións de balde de repentistas cubanos, regueifeiros e rapeiros a partir das 21.30 horas
O verso oral improvisado é unha práctica común a centos de culturas e nacións diferentes no mundo. Galiza ten a súa pequena poliña que aportar a este vasto tronco común: a regueifa. A orixe deste desafío, polo seu carácter basicamente oral, pérdese na noite dos tempos.
Era tradición que antes do banquete de voda, a parella puxera a disposición das veciñas e veciños un bolo de pan chamado “regueifa”. O xeito de ver quen era a persoa á que lle cabía a honra de repartilo entre os presentes era retarse dialecticamente entre eles, en verso, meténdose uns cos outros, cos contraentes ou cos familiares destes, para ver quen facía gala do maior enxeño e retranca. Josiño da Teixeira e Quique Estévez serán os representantes desta cante popular galega, habituais convidados no programa de máxima audiencia na TVG Lúar.
Os repentistas cubanos Irán Caballero e Yoslay García, que veñen de participar no Encontro Internacional de Canto Improvisado, dentro das actividades de San Sebastián 2016 Capital Europea da Cultura, darán boa mostra do “canto de improviso” da illa caribeña, que consiste nun desafío en duelo de versos que se dá usualmente en circunstancias festivas. A nota da improvisación máis actual poñerana os expoñentes locais Son da Rúa e Chico López, que veñen a representar ao hip-hop.
“Animo a toda a veciñanza a achegarse a estas actuacións de improvisación que constitúen parte da cultura dos pobos, e o noso ten a súa máxima representación a regueifa. É a unha maneira de proxecta a nosa cultura e traer mostras de cultura internacional a Ponteareas”, sinalou a concelleira de Cultura e Lecer, Hortensia Bautista, área organizadora do evento.