A Mocidade terá un programa cultural e de lecer á medida

A concellería de Mocidade, Benestar Social e Igualdade que dirixe a nacionalista Verónica Carrera quere coñecer os gustos e inquedanzas da mocidade de Ponteareas para realizar unha programación que satisfaga as súas expectativas. 

Por este motivo, realizou enquisas a 1600 alumnas e alumnos de todos os centros de secundaria tanto públicos como concertados co obxectivo de coñecer as súas preferencias en temas culturais e as actividades que demandan no seu tempo de lecer, ademáis das súas necesidades relativas a formación. 

Deste xeito, o alumnado dende 1º da ESO ata 2ºde bacherelato puideron trasladar á concellería as súas suxerencias e demandas culturais para que agora dende o goberno municipal deseñen unha programación a medida do solicitado. 

“Non ten sentido deseñar programacións sen ter en conta as necesidades nin as demandas da veciñanza. Sempre seguindo a liña da participación, dende a concellería que dirixo preferimos analizar primeiro a situación para logo executar proxectos o máis axustados á realidade posible”.

Unha vez analizados os resultados a concelleira de Mocidade organizará as actividades de lecer e cultura para a xuventude que será presentada nos centros de ensinanza o vindeiro 16 de abril.

Grazas á xestión económica do goberno actual que liquidou as principais débedas e conseguíu sanear a contabilidade agora pódense por en marcha iniciativas coma esta facendo que a mocidade sexa protagonista na elección do programa cultural dirixido específicamente a eles.