Mobilidade aclara que nin a Xunta nin Monbús informaron ao Concello sobre os cambios nas liñas de autobuses

dav

O concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, lamentou a falta de información por parte da Xunta e de Monbús en relación cos cambios operados desde o 1 de xaneiro nas concesións do servizo de transporte de viaxeiros que afecta a Ponteareas. Mera lembrou que “o Concello de Ponteareas sigue xestionando a Estación de Autobuses mentres negocia un novo acordo coa Xunta e nin a administración autonómica nin a empresa con novas concesións, Monbús, nos comunicaron os cambios”. O edil nacionalista informou de que xa solicitou da Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta e de Monbús toda a información necesaria para coñecer o alcance dos cambios e poder informar aos usuarios actualizando a información municipal de horarios de autobuses.

Desde o 1 de xaneiro e por decisión da administración autonómica, as liñas que até agora viña xestionando a empresa Raúl son agora ofertadas pola compañía Monbús. Trátase de liñas de Covelo, Mondariz e A Cañiza até Vigo e viceversa, con paso por Ponteareas. Ditas liñas tamén dan servizo ás parroquias ponteareáns de Pías, Prado, Bugarín, Areas, Arnoso e Xinzo.

Mera opina que “non se pode facer un cambio de numerosas frecuencias no servizo sen informar con antelación suficiente aos usuarios e á administración local afectada pola decisión”. O concelleiro explica que numerosos usuarios quedan desconcertados cando pretenden usar as frecuencias que viñan empregando até agora e se atopan con que desapareceron ou mudaron de horario. Ademais, o Concello tamén precisa coñecer os cambios para facer as facturacións correspondentes ás empresas usuarias do servizo da Estación de Autobuses.

O edil de Mobilidade sinala que “unicamente a empresa Raúl se preocupou o 2 de xaneiro de informar ao concello de que cesaba na prestación dos seus servizos”. Mera indicou que se está refacendo e actualizando a información de horarios dispoñíbel na Estación de Autobuses e na web do Concello para adecuala de inmediato á nova situación e engadíu que “valoraremos o impacto dos cambios e das reduccións de frecuencias para xestionar perante a Xunta e a concesionaria a recuperación dos horarios perdidos”.