Móbiles, streaming, lecer en internet ou ofimática protagonizan a programación da aula CeMIT no arranque do novo ano

A veciñanza poderá participar tamén en dous talleres de gamificación, cos que se traslada a mecánica dos xogos ao ámbito educativo e profesional

Acollerá tamén unha actividade do Proxecto Gamapea, unha aventura gráfica para incentivar o uso da tecnoloxía na mellora do benestar físico e mental entre as persoas maiores

Móbiles, streaming, lecer en internet ou ofimática protagonizan a programación da aula CeMIT no arranque do novo anoPonteareas comeza o novo ano cun mes cargado de cursos e actividades na súa aula CeMIT de Ponteareas, que ten lista xa unha programación na que o uso dos móbiles, o streaming, a gamificación, o lecer seguro en internet ou a ofimática serán algúns dos grandes protagonistas. Como sinala o concelleiro de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Benito Márquez, con estes cursos o Goberno municipal “quere achegar a tecnoloxía a veciñanza dun xeito consciente, responsábel e divertido ao tempo que promovemos a inclusión no seu uso, seguimos fomentando a formación e proporcionamos ferramentas para facilitar a vida cotiá a persoas de todas as idades, tratando de reducir así cada día un pouco máis a fenda tecnolóxica”.

Unha das propostas para este mes de xaneiro será un curso específico de streaming para persoas maiores, que se celebra este luns 23 de 17.00 a 18.30 horas. Por primeira vez, os e as ponteareás poderán participar tamén en dous talleres de gamificación, unha técnica que traslada a mecánica dos xogos ao ámbito educativo e profesional para converter calquera a aprendizaxe nunha experiencia lúdica. Haberá dúas modalidades: ‘Genially’ o martes 24 de xaneiro e ‘Scratch e Kahoot’ o martes 31, ambos os dous de 16.00 a 21.00 horas.

Outro dos cursos preparados para o inicio do ano estará centrado no lecer en internet con clases os días 23, 25, 26 e 30 de xaneiro e 1, 2, 6, 8 e 9 de febreiro. Tamén estará dispoñíbel un curso de manexo de teléfonos móbiles para persoas maiores que se impartirá os días 25, 26 e 30 de xaneiro e o 1, 2, 6, 8 e 9 de febreiro de 16.00 a 17.30 horas. Eses mesmos días, de 17.30 a 19.00 horas impartirase un curso de informática básica, dirixido especialmente tamén para persoas de maior idade.

Por outra banda, xa na segunda quincena de febreiro a aula CeMIT de Ponteareas centrarase no ensino de ofimática a través do manexo de LibreOffice Writer en dous niveis diferentes: nivel iniciación do 13 ao 16 de febreiro de 16.00 a 21.00 horas e de nivel medio tamén de 16.00 a 21.00 horas.

O mes rematará cunha actividade especial. Os días 27 e 28 de febreiro de 16.00 a 21.00 horas chega á aula CeMIT ponteareá o Proxecto Gamapea, unha aventura gráfica deseñada por investigadores e investigadoras da Universidade de Santiago de Compostela e destinada especialmente a persoas maiores para incentivar o uso da tecnoloxía na mellora do seu benestar físico e mental. O seu obxectivo é promover un envellecemento activo a través da prevención da depresión, a estimulación cognitiva e a promoción de hábitos de vida saudábeis. A persoa usuaria convértese nun peregrino virtual que acaba de chegar ao albergue de Roncesvalles e que irá aprendendo estratexias para mellorar a saúde mentres avanza pola ruta do Camiño Francés cara a Santiago de Compostela.

As persoas interesadas en realizar calquera destes cursos deben facer a súa preinscrición a través do espazo da aula CeMIT habilitado na web da Xunta. Para máis información poderá contactarse coa aula CeMIT no correo electrónico cemit.ponteareas@xunta.gal ou chamando ou enviando unha mensaxe de whatsapp ao número 634 238 962 dentro do horario da aula, que estará aberta ao público o luns 23 de xaneiro de 16.00 a 17.00 horas, o venres 27 de xaneiro de 16.00 a 21.00 horas e todos os venres de febreiro de 16.00 a 21.00 horas.