Milleiros de persoas se achegaron a Ponteareas para ver os Reis Magos

Cabalgata Reis-1Os veciños da vila do Tea, mentres esperaban a comitiva real,  puideron gozar dunha gran chocolatada popular na Praza Maior.

Melchor, Gaspar e Baltasar aterrizaron en Ponteareas a bordo dun helicóptero ante a mirada ilusionada dos nenos de Ponteareas e da comarca, os cales xunto ás súas familias os esperaban no colexio Nosa Señora dos Remedios.

Tras ser saudados polo alcalde, Salvador González Solla, e o concelleiro de Cultura, Andrés Sampedro Fernández, as Súas Maxestades de Oriente subiron na súas respectivas carrozas, acompañados dos seus paxes, que os axudaron a repartir os máis de 1.000 quilos de caramelos que, ilusionados, esperaban os máis cativos.

Os Reis Magos percorreron nas súas carrozas as rúas do centro urbano, acompañados por unha gran comitiva composta por un grupo de xinetes do Club Hípico Char, ciclistas do Club Ciclista de Ponteareas,  a Unidade canina de Protección Civil de Ponteareas, un grupo de animación infantil con Mickey Mouse e Bob Esponxa, entre outros personaxes, así como unha carroza do CDM de Ponteareas con música e canto en directo. Así mesmo, os Reis Magos estiveron acompañados da Banda de Música Xuvenil de Xinzo, a Banda de Música Popular de Rubiós, a Rondalla de Valadares e a charanga SDK de Guláns, que puxeron a nota musical de animación. Os coches de Protección Civil e Bombeiros de Ponteareas foron os encargaos de pechar o séquito real.

Para finalizar, os Reis Magos achegáronse ao Auditorio Reveriano Soutullo, onde recibiron o afecto dos nenos, aos cales obsequiaron con máis de 100 regalos e onde os máis pequenos e as súas familias puideron gozar dun espectáculo de animación infantil.

O Concello de Ponteareas, tras o éxito desta gran cabalgata real, quere agradecerlles a todos os voluntarios, aos particulares e ás empresas colaboradoras desta gran comitiva real a súa colaboración e implicación para contribuír a que a Noite de Reis sexa a máis esperada do ano. Igualmente, quere felicitar a todos os departamentos municipais do Concello de Ponteareas polo seu traballo, conseguindo que a Cabalgata Real fose un éxito.