Mercar na praza de abastos de Ponteareas ten premio

A concellería de Comercio do concello de Ponteareas pon en marcha a campaña “Quere o teu mercado” con agasallos para os clientes e animación de rúa

A concellería de Comercio do concello de Ponteareas pon en marcha a campaña “Quere o teu mercado” con agasallos para os clientes, animación de rúa e premios á fidelidade.
Grazas a esta campaña, ao longo desta semana, os comerciantes da praza de abastos poderán sorprender aos seus clientes con diferentes agasallos (mandilóns, axendas e diferentes pezas de merchandising).
Ademais, o sábado día 27 de maio a charanga “SDK” porá ritmo ás compras a partir das 12 da mañá para acompañar a todos os que cada sábado enchen a súa cesta da compra na praza de abastos de Ponteareas.
A concelleira de Comercio, Inés Vidal, destaca o importante papel que teñen as prazas de abastos e mercados “ao ofrecer produtos de primeira calidade e o asesoramento de profesionais con ampla experiencia”.
Pola súa céntrica ubicación e pola gran variedade e oferta de produtos, o mercado de Ponteareas é o lugar elexido por moitos consumidores para mercar.
Carnes, froita, peixe, comida lista para levar, flores, servizo de cafetería, ultramarinos… o mercado de Ponteareas ofrecer todo o que unha familia pode necesitar.
“O mercado de Ponteareas non so oferta produtos frescos e de orixe dando un servizo de confianza aos veciños senón que tamén contribúe á dinamización da economía local”, sinala Inés Vidal.
En colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, a campaña “Quere o teu mercado”, nace co obxetivo de apoiar, promocionar e visibilizar o papel dos mercados nas cidades, potenciando así a compra do produto local ao mostrar a profesionalidade dos praceiros e praceiras.