Mera explica as melloras de mobilidade a Adenco, Adapta, Vivir Ponteareas e ao Consello da Infancia

O concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, mantivo nos últimos días reunións co grupo ecoloxista Adenco, a asociación Adapta, a plataforma Vivir Ponteareas e o Consello Municipal da Infancia, nas que explicou as medidas de reordenación dos espazos peonís e o tráfico en 14 rúas de Ponteareas.

O edil nacionalista expuxo aos colectivos que os obxectivos das medidas son “recuperar espazos para as persoas, promover os desprazamentos a pé e en bicicleta, reducir o tráfico, a contaminación ambiental e acústica, promover o aforro enerxético e mellorar a seguridade vial”.

As organizacións sociais que asistiron a estas reunións valoraron positivamente as medidas anunciadas. Na reunión co Consello Municipal da Infancia, os nenos e nenas asistentes realizaron numerosas preguntas ao concelleiro de Mobilidade e ao edil de Mocidade, Miguel Bouzó, quen tamén participou no encontro. Os cativos e cativas explicaron as súas necesidades, propostas e ideas sobre os espazos que precisan, como queren que sexa a súa vila, como se desprazan e amosaron especial interese por temas como a seguridade vial ou a posta en marcha de camiños escolares seguros.