Mario Lago proporá no pleno da corporación a baixada das taxas por instalación de terrazas durante o período invernal

No caso de ser aprobada esta modificación da ordenanza municipal, pasarían a existir dúas tarifas: unha que contempla o período que vai dende o 1 de maio ata o 30 de setembro e outra que abrangue o espazo de tempo que hai entre o 1 de outubro e o 30 de abril

A proposta foi comunicada ao sector hostaleiro na tarde do luns, 31 de agosto, no Salón de Plenos do Concello de Ponteareas

O concelleiro de Hostalaría e Comercio considera que esta medida “favorecería o desenvolvemento económico do sector”

baixada-prezos-terrazasO concelleiro de Hostalería e Comercio, Mario Lago, e a primeira tenente de alcalde, Chus Garrote, veñen de manter un encontro co sector hostaleiro da vila ponteareá para comunicar a intención de propoñer, no vindeiro pleno da corporación, unha modificación na ordenanza municipal reguladora da instalación de terrazas na vía pública que permita establecer dous períodos de utilización anual, con tarifas distintas para cada un deles, en función da estación do ano e da afluencia de público.

A proposta que contempla unha tarifa de 3,03 euros mensuais por cada metro cadrado de instalación durante o lapso que vai dende o 1 de maio ata o 30 de setembro, e un prezo de 1,06 euros mensuais por cada metro cadrado de instalación durante o período que vai dende o 1 de outubro ata o 30 de abril.

Actualmente existe unha única tarifa anual de 3,03 euros, polo que o establecemento dun prezo 1,06 euros para os meses da época invernal suporía un descenso do 65%. De ser aprobada esta modificación no pleno municipal que se celebrará o vindeiro 15 de setembro, a vixencia das novas tarifas comezaría no mes de xaneiro de 2016.

Mario Lago, concelleiro de Hostalería e Comercio, sinalou que a proposta “enmárcase no conxunto de medidas que o goberno municipal quere poñer en marcha para fortalecer e promover o desenvolvemento do sector ao mesmo tempo que se mellora a calidade de vida na vila para o visitante e para a poboación local.”

Tanto Lago como Garrote salientaron “o importante esforzo por parte do goberno local que suporía a aplicación desta medida, pois a situación económica do Concello de Ponteareas arestora é moi delicada”. Aínda así, ámbolos dous consideran “que axudará a que o sector hostaleiro siga sendo rendible tamén en temporada baixa”.

Esta modificación tamén implicaría mudanzas no relativo aos períodos nos que é posible solicitar unha licenza para instalar unha terraza na vía pública. A partir de agora as licenzas poderán ser solicitadas para un ou para os dous períodos previamente sinalados.

A reunión tamén serviu para que Lago lembrara a intención por parte da concellería de esixir a recollida de todo o material utilizado na terraza unha vez pechada a mesma (salvo que a licenza conteña algún permiso explícito), de xeito que a vía pública quede libre para a normal circulación dos peóns polas diferentes rúas da vila, ademais de incidir no propósito a longo prazo de conseguir unha harmonización na estética das terrazas para facelas máis atractivas, aproveitando subvencións que lle poidan ser concedidas ao concello a través de diferentes institucións.