María do Ceo e Najla Shami subirán ao escenario de Ponte a Portu-Gal

O Concello de Ponteareas desenvolverá do 26 ao 29 de abril a segunda edición de Ponte a Portu-Gal que busca amosar as expresións culturais comúns que unen a Galicia e Portugal e a converten nunha zona de desenvolvemento social e cultural compartido.

As actividades comezarán o xoves 26 ás 20:00 horas no auditorio municipal coa inauguración da exposición “Historia dunha emigración difusa. 500 anos de emigración a Lisboa”. 

O venres día 27 ás 20:30 horas no centro Cultural de Guillade proxectarase o documental “Galegos en Lisboa. A historia xamais contada” de Xan Leira. 

O sábado día 28 ás 12 horas no centro urbano ruada da treboada do Baixo Miño e xa ás 22 horas no auditorio municipal concerto de Najla Shami seguido do concerto de María do Ceo. 

O domingo día 29 ás 19 horas no centro urbano haberá ruada do grupo folclórico Barcelinhos e ás 20 horas no auditorio municipal actuarán o grupo folclórico Barcelinhos e Voces de Arrieiro.

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, subliñaba a importancia de actividades como estas nas que queda de manifesto “que Galiza e o norte de Portugal comparten historia, tradicións e costumes similares e que forman unha área con enormes posibilidades de desenvolvemento socio económico conxunto que debemos aproveitar e potenciar”.

A concelleira de Cultura e Turismo, a nacionalista Hortensia Bautista, salienta a boa relación de galegos e portugueses e das e dos ponteareáns sendo históricamente Portugal un dos principais destinos da nosa emigración.