Manifesto do Día Nacional de Galicia – Día da Patria Galega

O país de pedra de Manrique Fernández

Galicia é un país de pedra: “Unha magnífica pedra deitada no mar e soldada á Península Ibérica, no occidente europeo,” dixo un día Manuel Rivas. E leva razón: é un país de pedra histórica, rabuñada polo paso do tempo e os seus aconteceres, testemuña de épocas pretéritas; é un país de pedra granítica, baseamento de todo o pobo que a habita, das súas grandezas e das súas miserias. Un país pétreo, megalítico, recio e baril; unha gran estatua esculpida de vagar, bañada por dous mares e refrescada polo amplo verdor que aflora entre as fendas desta gran lastra.

Neste país de pedra celebramos o 25 de xullo, día de Santiago Apóstol, o que chegou a estas terras nunha barca de pedra, tal e como nos di a tradición oral. E aproveitamos a celebración para darnos unha ampla aperta de irmandade conmemorando o noso Día Nacional, o Día da Patria Galega, da patria de pedra, instituído fai case cen anos pola agrupación compostelá das Irmandades da Fala.

Dende que en 1919 decidiron conmemorar esta data, a idea da celebración foise esparexendo polo país de pedra, cos altos e baixos derivados da nosa triste historia do século XX. Pero sempre houbo galegos que, fose na súa terra, fose dende latitudes alonxadas, celebraron o acontecemento coa magnificencia que un acto destas características precisa. Porque este país de pedra, ledo e amigo das celebrQ55A7836acións, do irmanamento e da confraternidade, é quen de estenderse alén dos seus límites; ata de atravesar o mar para chegar a outros continentes, sen deixar de ser el mesmo.

Pero Galicia, o país de pedra, non nos pertence. Porque Galicia chegou a nós, aos seus habitantes actuais, como unha herdanza senlleira e única, coma un legado que vai pasando de xeración en xeración, puíndo e desbastando as súas imperfeccións. Tal é o sentido da palabra “patria”, que leva nos seus xenes o termo latino do que procede: “Pater” (pai). Malia que, neste caso, ben podería ser “matria” polo papel que as mulleres xogaron ao longo de toda a nosa historia. Herdanza pétrea, logo, dos nosos pais e das nosas nais. E iso é o que hoxe conmemoramos todos os galegos.

Nun país coma este, coma calquera país, o concepto de patria arrastra consigo non só o lugar no que chegamos a este mundo, que ben pode ser puramente accidental, senón un sentimento de pertenza a unha colectividade, a un grupo semellante a nós, a un entorno no que nos sentimos agusto, como acubillados no colo das nosas nais.

Galicia, o país de pedra, é terra de poetas. Un deles, o chairego Manuel María, a quen adicamos este ano o Día das Letras Galegas, expresábao nos seus versos con estas sinxelas palabras:

Galicia é o que vemos:

a terra, o mar, o vento…

Pero hai outra Galicia

que vai no sentimento!

Si. Un sentimento pétreo de pertenza a un grupo específico. Un sentimento defendido ao longo da nosa historia por homes e mulleres de prol aos que debemos recoñecer o seu traballo, sobre todo a aqueles que o fixeron cando as circunstancias históricas non eran favorables. Pero non podemos perder a perspectiva e debemos ter en conta que se eses homes e mulleres tiveron algo que defender, algo polo que loitar, foi porque outros antes ca eles foron capaces de construir ese algo.

Un día coma o de hoxe, 25 de xullo, o de 1948, na lonxana cidade de Bos Aires, Castelao lía o seu lembrado discurso “Alba de Gloria”. Naquela disertación percorría a historia de Galicia da man dalgúns dos persoeiros máis salientables que deu esta terra nunha especie de peregrinación que el presentaba coma unha procesión da Santa Compaña. E, chegando ao final, deixa caer estas atinadas verbas:

Cando a Santa Compaña de inmortaes galegos se perda na espesura dunha foresta lonxana, veremos xurdir do Humus da terra-nai unha infinda moitedume de luciñas e vagalumes; son os seres innominados que ninguén recorda xa e que todos xuntos forman o substractum insobornabel da patria galega. Esas ánimas sen nome son as que crearon o idioma en que eu vos estou falando, a nosa cultura, as nosas artes, os nosos usos e costumes e, en fin, o feito diferencial de Galicia. Elas son as que, en longas centurias de traballo humanizaron o noso territorio patrio, as que gardan e custodian os legados múltiples da nosa tradición. Esa moitedume de luciñas representa o pobo, a enerxía colectiva, que nunca perece. Esa infinda moitedume de luciñas e vagalumes representa o que nós fomos, o que nós somos e o que nós seremos sempre, sempre, sempre.

Unha historia común, unha lingua común e, sobre todo, unha cultura común: un xeito de entender o mundo diferenciado doutros grupos. Velaí a esencia do galego.

Permitídeme que peche esta intervención con outra cita literaria, e que recurra de novo a Manuel María. En 1977 publicou un libriño titulado “Poemas para construir unha patria” no que se inclúe o titulado “Patria herdada”. Dese poema son os versos seguintes:

Os símbolos que nos legaron

os nosos pais, e que a eles

lles transmitiron os avós

e estes recibiron,

á súa vez, dos bisavós,

son ben sinxelos:

a fouce

que forxou e templou

Rosalía,

que afiaron

Pondal/Curros/Cabanillas,

que usaron os agrarios.

E unha bandeira -a nosa-

azul e branca.

Nós recollemos con amor

e paixón estes símbolos

e deixarémosllos un día

aos que veñan detrás,

enriquecidos

coa espiral que significa

luz/vida/irmandade…

Esa é, no fondo, a mensaxe deste relatorio: a nosa misión, habitantes deste país de pedra, non é outra que a de manter a nosa esencia e tratar de mellorala, para deixarlla en herdanza aos que veñan detrás. Así o fixeron os que estiveron antes, e tal debe ser o facho que guíe os nosos pasos.

¡Viva Galicia!