O 25 de novembro, día Internacional contra as Violencias Machistas, é unha data de reivindicación. Un ano máis sinalamos unha das manifestacións máis extremas da situación de desigualdade que afecta as mulleres cada día, en todos os ámbitos da vida. Unha situación que non fai máis que agravarse en momentos como o actual de crise sanitaria, socioeconómica e de coidados e que incide de forma máis notable nas persoas máis vulnerables. Por iso, neste tempo crítico é aínda máis importante traballar pola igualdade. Esa é a mellor prevención.
Datos estremecedores, recentemente publicados no mes de outubro resultado da “Macroenquisa de violencia contra a muller” fan necesario e imprescindible ese traballo pola igualdade.
-
O 34,2% das mulleres sufriron violencia por parte das súas parellas ou ex parellas.
-
O 47,2% non denunciaron nin utilizaron os servizos públicos de axuda.
-
O 40,4% das mulleres sufriu acoso sexual ao longo da súa vida.
-
Dese 40,4%, o 60,5% das mulleres tiñan entre 16 e 24 anos. As cifras aumentan entre as mulleres novas.
-
De cada 10 mulleres vítimas de violencia de xénero con fillos ou fillas afirman que estes sufriron tamén violencia por parte das súas parellas.
A desigualdade non só se manifesta no mes de novembro. A violencia de xénero é algo cotiá. O maltrato segue a estar normalizado en todas as idades, convive con nós no rural e no urbano, sucede en calquera sector social. Cando manifestamos o noso rexeitamento das violencias machistas ten que ir da man do compromiso firme de actuar pola igualdade, de traballar conxuntamente, de habilitar recursos estables, de aplicar a perspectiva de xénero en todas as políticas e accións municipais. Necesitamos palabras e actos. Procurar e soster unha vida digna para todas as persoas e situala no centro. Esta é a forma máis eficaz de loitar contras as violencias machistas. Esta ten que ser a posición clara de toda a cidadanía e das institucións que a representamos.
Neste ano, ademais, temos que recordar a agresión que viviu unha veciña de Ponteareas no mes de xaneiro. Para ela, para a súa familia e entorno próximo reiteramos todo o noso apoio e acompañamento neste difícil proceso. Tamén para todas as mulleres que, dunha ou doutra forma, decidiron acabar co maltrato nas súas relacións e buscar fórmulas para reparar a violencia machista. A calquera que busque información, atención ou acompañamento lembrarlles que existen servizos públicos municipais á súa disposición. Aos agresores e maltratadores, a quen quere seguir a perpetuar relacións de desigualdade, queremos dicirlles que non imos aceptar ese comportamento, que o imos sinalar, que o imos rexeitar, que imos traballar para construír unha sociedade igualitaria onde non teñen lugar.
Estes tempos de incerteza deben ser a oportunidade de promover un novo acordo social, un que de forma contundente estableza XA distancia social coa desigualdade e coas violencias machistas. Empecemos a traballar para que non sexa preciso nin un 25 de novembro máis.