Máis de douscentos nadadores/as competirán esta fin de semana no XX trofeo Amizade e no XI trofeo concello de Ponteareas

O XX trofeo Amizade de natación congregará a 276 nadadores e nadadoras de 13 clubes de toda Galicia, así o adiantou hoxe o Club Natación Ponteareas no decorrer da presentación á que asistiron o alcalde en funcións, Xosé Represas, e o concelleiro en funcións de Deportes, Benito Márquez. Este mesmo sábado tamén se desputará o XI Trofeo concello de Ponteareas que premiará aos mellores nadadores por puntos segundo os criterios da Federación Internacional de Natación (FINA).

Na piscina municipal competirán, entre outras figuras da natación, a nadadora do C.N Galaico, Beatríz Gómez, olímpica en Londres no ano 2012 ou os campións estatais de augas abertas Pablo Cabana e Andrea Domínguez, ámbolos dous da categoría infantil do C.N Ponteareas.

A organización, coa que colabora a concellería de Deportes do concello de Ponteareas, salienta que haberá tres trofeos tanto na categoría masculina como feminina aos/ás tres mellores nadadores/as.

O XX trofeo Amizade e o XI trofeo concello de Ponteareas celebrarase en doble sesión, de mañá e tarde, a partir das 10:30 e a partir das 17:30 na piscina do complexo deportivo Álvaro Pino.

A entrada será gratuíta ata completar aforo. Este sábado espectáculo deportivo na piscina municipal!!!