Máis de douscentos ciclistas encherán as rúas de Ponteareas no Gran Premio Festas de Setembro homenaxe a “Josiño”

A concellería de Deportes que dirixe Benito Márquez convida a toda a veciñanza a animar aos corredores locais no Gran Premio Festas de Setembro que organiza o Club Ciclista Ponteareas e que este ano rende homenaxe a José García Fernández “Josiño”, un dos seus ciclistas falecido nun atropelo cando adestraba.

O Gran Premio comeza ás 10:00 horas do domingo día 16 dende a Praza Bugallal para percorrer un circuito urbano de pouco máis dun quilómetro.

En categorías feminina e masculina dende alevíns a juniors pasando por infantís e cadetes os participantes tamén poderán probar a súa destreza na proba de ginkana nas categorías benxamín, promesa e principiante.

Máis de douscentos deportistas de toda Galicia achegaránse coas súas familias e equipos ata Ponteareas para acadar o desexado primeiro posto no podium. 

Ao remate do Gran Premio haberá trofeos e a organización entregará un detalle á familia do ciclista homenaxeado.

O Club Ciclista Ponteareas reinvindicará a necesidade de melloras na seguridade viaria para evitar accidentes como o de Josiño.

Benito Márquez agradece ao club ciclista o seu traballo, salientando a importancia da realización destas probas que dan a oportunidade aos deportistas locais de correr na súa vila arropuados pola súa xente.